DAKAR

Aló por 1979, xa van trinta e catro anos andados, celebrouse o primeiro rally París-Dakar. O sector hostaleiro do casco vello compostelán –dado que había dous locais cos nomes das cidades de saída e chegada desa proba– tiveron a idea de facer un rally consistente en ir tomando cuncas de viño nos innúmeros locais do gremio (as etapas) que había no traxecto entre ámbolos establecementos. Que lembre non morreu ninguén no intento de vencer, mais as avarías foron abondas. Tanto Dakar como París hai anos que nada teñen que ver coa carreira automobilística, mais o nome da capital senegalesa segue figurando nunha proba que ten lugar na América do Sul. Deturpación lingüística, como a de chamarlles terrazas ó que son rúas para tránsito de vehículos ou estado de benestar ó que ten máis dun cuarto da poboación no paro. Hai uns días recolleume un dos fillos para ir a Cedeira ver o neto e circulando polas rúas Herbosa e Río Xuvia fixo o seguinte comentario: “Se os do Dakar volven ter problemas poderían facelo aquí”. Vero, verísimo.

 

DAKAR

Te puede interesar