Encrucilladas

Se perdéramos a esperanza,
a alegría, o sorriso,
o sentido da loita.
¿Qué nos quedaría?


Aínda que solitario camiñe, nunca só eu vou. Na miña compañía van o Sol e a Lúa, a choiva e tamén o vento. Van os esquíos e os paxaros, as bolboretas, as árbores, as nubes e os pesadelos do mundo. 
Non, o camiño no só é o chan que pisan as botas. Tamén é o po, a lama, as pedras dos milladoiros, as follas secas, o cheiro a aldea, o mar e a flores dos prados que atrás deixamos.
O camiño son as fontes e os ríos, os horreos, os piornos, as igrexas, as vivas paisaxes coas que nos atopamos e que nos custa esquecer, o aire que respiramos, os labregos, a música das pingueiras nas rúas de Compostela.
Os pensamentos, os laios dos que están desempregados, as vilas, os pobos, as cidades e os nosos devanceiros que durmen no camposanto. A xente que nos saúda  ­—Bos días, que vaia ben, os que baixan a cabeza para non saudar e aquelas almas viaxeiras que sempre agasallan cun sorriso.
Camiño son os mendigos, poetas, labregos e mariñeiros, os menstres e os cregos, e son camiño os artistas e os camiñantes que fixeron o primeiro camiño. Os asubíos dos mouchos e as bágoas dos esquecidos, a man que aperta a outra man, a sincera fala dos homes e a xustiza cando é xusta. 
A historia soterrada. A loita pola dignidade que acotío nos rouban aqueles que din que o camiño é de rosas e de carne de marmelo, e que a economía do país vai sobre rodas. A deles sen dúbida, anque non todo é cantar ao vento que sopra a favor da voz, cando tanto ruído soa nas rúas de tódolos pobos e cidades do país. Aos políticos que “gobernan” debera poñelos a pensar un pouco e rectificar tanto desatino.
Acotío vexo pasar polo camiño-rúa onde eu vivo observantes peregrinos, peregrinos despistados, acelerados ou lentos, curiosos que fan preguntas e outros nin ¡ola!, adeus. 
Cada persoa é un mundo e no mundo ten que haber de todo, anque non debera haber tanta maldade, egoísmo, prepotencia, insconsciencia, irresponsabilidade, xente co corazón de xeo que late só para manter ao propietario no itinerario que leva á destrucción dos seus semellantes. 
Aínda que os corazóns non teñan culpa de nacer en corpos ruíns coma a mesma fame.
Hai poucos días pasaron por diante da miña casa unha parella de peregrinos cataláns, Joan Molas e Carme Fontanella, do fermoso pobo de Besalú que eu coñezo por estar alí en varias ocasións. Pobo tranquilo e con moita historia da provincia de Girona, cerca do lago de Banyoles e da vila de Olot, na rexión volcánica da Garrotxa.
Joan e Carme, profesores de instituto ambos, sentaron comigo nunha mesa do xardín e bebendo unhas cervexas falamos sobre dos graves problemas de España.
Dixéronme que eles non querían a independencia pero que o goberno central os tiña marxinados, esquecidos e que había moito paro.
Conteilles do que acontecía en Galicia e concretamente en Ferrol para que se decataran que o que sucede en Cataluña con este goberno sucede en todo o estado, mais iso non os consolou. Teñen dous fillos con estudios superiores, un en Japón e outro en Alemania.
Por certo que me deixaron un poemario de Pere Vives, “Atzar dels dies” que estou intentando traducir e ler. Eu regaleilles o meu poemario “Voz” e “Nimbos” do poeta homenaxeado este ano, Xosé María Díaz Castro, e faleilles un pouco sobre Rosalía de Castro e sobre a historia do Día das Letras Galegas, do que eles profesores de lingua sabían moito.
Quedamos en comunicarnos e volvernos a ver. Pola miña parte intentareino. Ese é o camiño. A convivencia social e cultural das persoas e dos pobos para ben de todos. Digo eu e nada digo. Só iso, que non é tan difícil ou non debera ser, ser persoas.
Cada vez que un se pon a pensar, que a gran maioría facémolo, decatámonos que este goberno trata de levarnos polo seu camiño, o que a eles, ao gran capital interesa, e nada lles importa o gran precipicio que ao remate hai para a inmensa maioría do pobo. Somos nós quen temos que arredar do camiño polo que eles transitan. Somos nós, a clase traballadora en xeral, os que temos que abrir novos camiños. Camiños polos que todos, gordos e fracos , caibamos. 

Encrucilladas

Te puede interesar