Cuestións estratéxicas detrás da festa

|

Os concellos das cidades e grandes vilas gastan inxentes cantidades de cartos en festas e espectáculos, seica para promocionar o turismo, aínda que tamén ten algo de circo para retirar o foco dos grandes problemas. Mentres tanto as autonomías carecen de medios para atender axeitadamente os servizos básicos, e a industria do país leva dous anos en recesión.

A situación das empresas electrointensivas ten que ver con este retroceso. Tamén a caída da produción eléctrica nun -40,4% este ano, e do -24,6% no anterior, en termos anuais dende o mes de xuño, tanto polo recuar no consumo como polos suplementos nos custes ás centrais térmicas. Ao que se engade a incerteza da continuidade e dimensión de ambos sectores no futuro, e que outras actividades industriais amosan tamén unha tendencia produtiva negativa. 

De xuño deste ano ao mesmo mes do ano pasado a produción industrial na Galiza recuou nun -6,35% (fronte ao -1,9% no conxunto do Estado español), e ademais retrocedeu nun -3,4% no mesmo período do ano anterior. 

É dicir, levamos dous anos dando pasos atrás no sector industrial. Non se pode considerar un aspecto secundario, xa que este retroceso non pode ser absorbido polo turismo e outros servizos, e ademais a industria ten un efecto multiplicador do que carecen outras actividades. E como agravante, a crise é maior en sectores que son estratéxicos na industria galega, como o téxtil que perde -29,8%, e o material de transporte nun -23,1%. Ao que lle hai que engadir un recuar nun -26,8% na produción de material e equipamento eléctrico, nun -17,6% de produtos minerais metálicos, e do -18% nos minerais non metálicos, etc. 

Non se trata só dun descenso da produción que atinxe conxunturalmente a unha parte da industria, xa que todo amosa que ten un carácter máis sistémico, ao coincidir coa recesión en Alemaña e a confrontación mundial axitada por Estados Unidos. 

Polo tanto, a Xunta de Galiza debería tomar medidas axiña e acordar un plan a máis longo prazo para diversificar a produción e alentar o consumo interno. 

Debe ser así, porque esta nova crise que se anuncia, especialmente na débeda soberana e do comercio internacional, dáse nun contexto no que a globalización xa amosou seus límites. Ademais, a superación da crise aplicando a receita neoliberal vai ligada a máis deflación salarial e precariedade, especulación e delincuencia económica, emigracións forzadas, e a unha maior desfeita dos ecosistemas. Os avances tecnolóxicos non poden seguir tapando indefinidamente o esgotamento do capitalismo.  

Cuestións estratéxicas detrás da festa