FIN DE LA CITA

|

Rebélate,
ou serás escravo.


Democracia… canta xente penou para que chegaras e canta segue a penar agora que estás aquí, mais non por culpa túa. Sen dúbida, virán tempos mellores.
… Un goberno do pobo para o pobo, garante das liberdades básicas dos individuos. Control popular de xestión gobernativa. Sistema político no que se convive ou debera convivir en desacordo; ou sexa, entre diferentes ideas, posturas e proxectos para chegar a acordos.
Sobre a Democracia dicía o Premio Nobel belga Edmond Picard, “es el sistema de gobierno más perfecto para la libertad de la persona”. E sobre a Liberdade, Don Miguel de Unamuno deixa escrito: “es un bien común y, cuando no participan todos de ella, no serán libres los que se creen tales”. (Fin de las citas).
Namentres España sofre unha política decaída, unha democracia descafeinada, entre a miseria, a opulencia e os desmadres de escravizadores e piratas, sen pata pao nin parche no ollo; si con garfo oculto en guante branco e na vez de papagaio as costas portan visibles aves rapiñeiras.
Non lles consta, non recordan, non contestan. Fráxiles memorias cando lles convén. Serán superintelixentes ou parvos? Aproveitados, si son. E ninguén dimite!! Claro, como na época de Don Manuel: “España es diferente” (Fin de la cita).
Será desventura, infortunio, fatalidade, culpabilidade do pobo estarmos dirixidos por un goberno que mente e remente cínicamente, que non nos defende e que leva ao país á bancarrota e aos banqueiros (cova de Alibabá) ao saqueo do T.P. coa conivencia dos que malgobernan dende poltronas e búnkeres de ouro, namentres a gran maioría dos españois mal vivimos e desesperamos.
Seremos merecentes de tantos males, será unha epidemia pasaxeira, ou será unha desgracia das que nunca veñen soas? Sobre as desgracias –xa que vai de citas dende que Rajoy citou– dicía o escritor francés La Fontaine:”La mayor desgracia es merecerla” (Fin de la cita). E seremos nós, pobo español, merecentes de tal?
Merecentes de que nos espreman a última gota de sangue, de que eles e elas – xa saben de quen falo – despois de soldos provocativos e indecentes raposeen sobres con diñeiro en negro e en cantas cores ten o arco da vella. De que arruínen o país para medrar e manter aos seus acólitos e ao gran capital, quen os manexa coma se foran marionetas.
De ningún xeito, monsieur La Fontaine, somos merecentes dun goberno mentireiro e ineficaz e dunha desgraza que nos leva a un contaxioso desencanto.
“A peste queimou as fragas, arrasou as colleitas, matou o gando, deixou as gradas dos estaleiros sen barcos, secou as fontes de finanzas e ingresos, pechou comercios e fábricas, deixou milleiros de orfos. Esa peste, fera corrupia de dúas patas e barriga de sapo que nunca farta se dá”. ( x.a.g. l. –fin da cita).
Con frecuencia reúnome co amigo Rai. Bebemos café e falamos da crise, que aquí na comarca de Ferrol é arrasadora, dos problemas desta e da vindeira xeneración, dos acurralados parados e pensionistas, dos centos de milleiros de familias que viven da caridade, dos desafiuzamentos, dos valentes preferentistas que seguen na loita contra vento e marea. Falamos tamén da gravísima recesión de España.
E como non, da folla de ruta guieiro do P.P., que nos leva ao fondo do abismo e nos quita o sono. Incluso  –á vista está– a millóns dos seus votantes e moitos dirixentes que pasaron dunha actitude de tolerancia ao puro cabreo,  comezando xa a tirárense os trastes á cabeza.
Ao remate das reunións na que ás veces o máis doce café sabe agre, sempre e ao unísono nos sae a mesma frase: “ Pero, nas mans de quen estamos!!”  (fin da cita).
Amigo Rai, nas mans, nas gadoupas, nas mentes egoístas, nos avarentos soños, nos corpos sen corazón e sen alma dun clan que adora ao “becerro d´ouro” (nada que ver con aquela boa xente descendentes de Abrahám ao pé do Sinaí cando ían na busca da Terra Prometida). Estamos tamén ante o desleixamento dun goberno que emprega a táctica da avestruz e despreza ao pobo.
De seguirmos así onde tanta corrupción, onde case que todos menten e saquean a caixa común, onde as leis e normas van “a cía cu”, onde a Sanidade, o Ensino, a Cultura, a Investigación e o Emprego están feridos graves, volveremos ao Medievo. “ Escoita (amigo Rai) o silencio e verás later o corazón do Mundo. Escoita o teu corazón e oirás o pranto dos resignados e as gargalladas hipócritas dos prepotentes”. (x.a.g.l. –fin da cita).

 

FIN DE LA CITA