A ASEMBLEA DO BNG

Opasado fin de semana xuntáronse en Compostela varios miles de afiliados e afiliadas do BNG nunha transcendental Asemblea Nacional. Parece que a organización política nacionalista non vai ser exactamente o mesmo na súa composición e actuacións. Os dous bandos enfrentados, cunhas relacións humanas completamente deterioradas no tempo, cada día están máis alonxados dun acordo. A parte perdedora xa sofre un proceso de baixas. E máis que se poden producir nos vindouros meses, cabendo a posibilidade perante as próximas eleicións autonómicas de que surxan novas organizacións políticas galeguistas.

Os grupos +Galiza e Encontro Irmandiño, apesar de uniren as súas forzas e de gozaren de certo apoio mediático, cando non contaban perder, leváronse unha grande surpresa, ao veren que os votos do sector da UPG eran máis numerosos. A priori, tendo en conta os resultados da AN anterior, no que superaban en conxunto á UPG, prevían unha vitoria. Mais este partido, moito mellor organizado que a coalición, e cos apoios decisivos dos sindicalistas da CIG, foi capaz de desfazer os prognósticos daqueles. Nin a figura intelectual e histórica de Beiras, nin o peso político dos alcaldes de +Galiza nos municipios do interior, puideron facer nada.

Os desexos coñecidos de Aymerich de ser o candidato a presidente da Xunta impulsárono a traballar até a última hora, para conseguir un acordo co EI, dándolle a este grupo máis cuota da que lle correspondería polo seu tamaño na candidatura conxunta, e que por si sós nunca alcanzarían. Entretanto o suicida de Aymerich tivo unha grave decepción política, que quizá o condicione a abandonar a política parlamentar, o EI puido volver situar a algúns dos seus nos dous principais órgaos do BNG. Foi unha especie de OPA realizada no polo opositor do BNG polo grupo máis pequeno sobre o máis grande, e que sitúa ao alcalde de Teo, do EI, na executiva nacional, como herdeiro universal de Beiras e probábel substituto de Aymerich.

Nesta Asemblea Nacional dun Bloque, xa moi institucionalizado e sistémico, xogábase o dominio e o controlo da organización e, por tanto, os futuros cargos institucionais e os postos de liberados orgánicos. As propostas e os programas políticos de cada sector eran evidentemente o de menos. A concepción tradicional do BNG dirixido pola UPG e a amalgama do polo alternativo, con contradictorias entre si perspectivas ideolóxicas. A convivencia interna vai ser aínda máis difícil.

Que pasará agora? Non parece que a UPG ceda ao outro sector vagas importantes na executiva. E moitos membros de +Galiza e do EI con postos institucionais non parece probábel que marchen. Porén, algúns membros destas tendencias poden tencionar aventuras políticas fóra do BNG. Se decidisen criar alguna cousa nova, polas súas diferenzas ideolóxicas, terían que ser polo menos dúas organizacións distintas: unha máis de centro e outra máis de esquerda. Non obstante, o problema é que nunha situación de crise económica como a actual, que espazo eleitoral e político, e apoios. terían da esquerda social alternativas partidarias nada rupturistas nin soberanistas, máis moderadas ou ao mesmo nivel de moderación que as xa existentes de EU e do BNG?

A ASEMBLEA DO BNG

Te puede interesar