Riamos. Que non sexan quen de nos roubar a esperanza. Riamos, riamos neste martes de Entroido. Que a súa soberbia os afogue. E as súas mentiras . Fagamos dos nosos risos fervenzas de gargalladas . Que fagan tremer os muros que agachan tanta inxustiza, tanta burla, tanta ignominia... Que nos seus ollos se reflicta o rosto da indignidade. Multitude. Aínda sabendo que nada lles importa ( agás o diñeiro...). Fagamos deste martes de Entroido un touporroutou libertario. Que anuncia a galerna democrática. Primavera abrazada ao salseiro da barra. Escorrentía que limpa a canle atoada. Si. Riamos alto, moi alto. Que as nosas gargalladas sexan o trono esparexido que denuncia as miserias por moitos sufridas.
Que o Entroido derrote a orxía permanente na que se mergullan os ocupantes das institucións do Estado. Si. Riámonos. Que non nos rouben, tamén, o sorriso. Nas ramallas da ameixeira asoman catro flores. Brancas.