PROMETE, PROMETE

Vai comezar a nova lexislatura galaica e ten boa pinta. Polo menos haberá no Parlamento dúas persoas que saiban quen foi Dorian Gray, porque na anterior tempada saíu o nome do protagonista da novela de Oscar Wilde e ou comentarios entre as bancadas e miradas furtivas para alguén explicase que era ese elemento citado desde a tribuna, que non tiña antropónimo de futbolista aínda que houbo que pensou, dado o contexto da súa saída a escena, que se trataba dun humorista de fama ou dunha actriz famosa. É que o nivel dos nosos deputados non é de intelectual elevado, máis ben estará por debaixo da media Pisa, que neste caso non se refire á torre inclinada.

Visto o currículo das nosas señorías, só queda esperar que Beiras eleve o nivel da oratoria e obrigue aos redactores de discursos a tirar máis da wikipedia ou dos manuais de cultura básica, como sucedía hai anos, cando un asesor dun conselleiro andaba polas librerías de Compostela buscando libros de citas, de citas literarias quero dicir, para adornar as intervencións desde o púlpito do ilustre responsable autonómico.

O histórico líder nacionalista, por anos vitais, terá a dupla función de portavoz parlamentario e de primeira espada na arena do Hórreo para baterse contra Abel Losada, Pedro Puy e Francisco Jorquera. Só o parente de Manuel Fraga ten certo nivel oratorio, porque o resto están máis afeitos á dialéctica de oposición catastrofista, sen retranca nin sentido do humor, seguindo o ton melancólico de Carlos Aymerich, que anestesiaba até as moas do xuízo.

Imos ver como se desenvolve esta lexislatura, que cando menos será máis animada que a anterior. Incluso até Vázquez pode parecer simpático, sobre todo porque terá que ser oposición a Feijóo e a Caamaño e a outros que se aparezan, como fantasmas chegados do touriñismo. Os populares terán que loitar contra tres e Toñito vai ter que aplicarse nas súas conferencias de prensa fóra do Parlamento e dar as charlas no seu estilo de taberna, que a fin de contas é o que entende a maioría.

As mensaxes que comprenden os galaicos son de poucas palabras. Hai que recordar que cando o famoso concurso eólico ninguén sabía que era un asunto que tiña que ver co vento e megavatios, palabras complicadas para xente que non sabe cantos quilovatios ten contratados e que só quedou coa idea de que aquilo levaba ao país á ruína, unha idea que entende todo galaico. Na pasada lexislatura non houbo grandes ideas, xa que estivo moi mediatizada polas caixas de aforro, pero o único que transcendeu foron as suculentas indemnizacións que percibiron os outrora grandes homes da patria. Un ser humano galaico non está para comprender grandes números nin marabillosas ideas, así que a ver si promete animación a tribuna do Hórreo.

PROMETE, PROMETE

Te puede interesar