Inexplicablemente, ata este mércores pasado nunca tiña entrado na Casa Museo Casares Quiroga, que foi vivenda de Santiago Casares e onde naceu a célebre actriz María Casares, de quen sempre gostei. Podería alegar na miña defensa que a súa inauguración case coincidiu co momento en que deixei de residir na Coruña, mais nin con esas podo xustificarme. Desta volta, foi a presentación do libro A cultura e o asociacionismo cívico na Coruña Entre a oficialidade e a resistencia (1939-1979) o que me levou alí, mais xa me prometín volver en breve para percorrer de vagar as instalacións e desfrutar co que alberga. Mais hoxe toca falar da obra alí presentada. Trátase dun volume, editado pola Fundación 10 de Marzo, coordinado por Ricardo Gurriarán e promovido pola Concellaría de Culturas do Concello da Coruña, no que, nas súas perto de trescentas páxinas, conformadas por dezanove traballos de dezaoito autores, se recolle boa parte do diario acontecer da vida cultural coruñesa dun longo período do século XX. Unha etapa que excede os corenta anos que figuran no subtítulo, xa que os primeiros traballos refírense a un tempo anterior a 1939 e os últimos ultrapasan o ano 1979. Fixen unha primeira lectura de tirón que me descubriu cantidade de cousas que se fixeron na Coruña das que non tiña nin a menor idea, o que, cando menos a priori, rompe un bocadiño a idea que adoitamos ter de que nos anos de ditadura franquista o mundo cultural era un ermo. Produciume grande sorpresa saber, por exemplo, que a mediados dos anos cincuenta foi representada, curiosamente polo Teatro Español Universitario da Coruña -grupo vinculado ao Frente de Juventudes da Falange- unha obra como Escuadra hacia la muerte (1953) de Alfonso Sastre. Sabía, iso si, porque asistín, que trece anos máis tarde, en 1968, un grupo de alumnos do Colexio “Jorge Juan”, dirixidos polo profesor Francisco Rodríguez, representara –xunto c’O triángulo ateo, de Marinhas del Valle– esa obra no Círculo Mercantil de Xuvia. É evidente que unha ditadura é unha ditadura e non unha broma e, xa que logo, todas as liberdades –menos a de pensar– están restrinxidas, o que implica que determinadas actividades vitais non se poidan desenvolver con normalidade. E iso que, con toda claridade, sucedeu durante os longos anos do franquismo, non impediu que en cidades como A Coruña se puidesen vivir máis cousas que as que de primeiras sospeitamos. Velái se visibilizan neste libro, que lles recomendo, e que non é só para coruñeses.