Un Goberno de salvación

A situación actual do noso país despois das eleccións do 20 D, pode ser considerada pouco menos que caótica. Unha torre de Babel de partidos aos que non lles é doado pórse de acordo para formar goberno. Desbotando a Podemos, ante esa teima dun independentismo, tan salvaxe como inadmisible ao meu xuízo, quedan tres formacións sobranceiras ás que non lles queda outro remedio que chegar a un bo entendemento, evitando así ter que repetir as eleccións o que non sería máis que adiar e agravar o problema. Puntos de encontro non lles faltan a PP-PSOE-CIDADÁNS, ou polo menos así se reflexa nos seus discursos na recente campaña electoral. Non teñen os tres a mesma meta que é o ben común? Non se lles enche a boca a uns e a outros propoñendo e prometendo solucións aos graves problemas actuais? Porque entón non xuntar forzas e formar un goberno tri-partito esquecendo antigas e actuais diferencias e xenreiras, mirando todos na mesma dirección e elixindo o mellor de cada formación? Ben sei que o que estou a propor e case unha utopía tal como están as cousas, pero non vexo unha solución mellor para desbloquear a situación actual. Uns estatutos e un contrato inicial a tres bandas, adiantándose e fixando o camiño a seguir ante os posibles problemas de convivencia, con solucións aos diferentes puntos de vista, podería ser o principio dun bo acordo entre as tres formacións que, polo ben de todos, queiran ou non, están condenadas a entenderse. Para chegar a esta solución faise necesario establecer os seguintes alicerces inamovibles que son condición sine qua non: A unidade de España, innegociable; a recuperación e o progreso económicos, a fin da crise; a credibilidade dentro e fóra do país. O mundo enteiro nos contempla. A creación dun goberno forte e durable baseado na Seguridade, Estabilidade e Confianza. Eu que son heterodoxo e, como xa vos teño dito aquí, nin de esquerdas nin de dereitas, senón todo o contrario, prégolles a uns e a outros que debatan e negocien coa razón por diante, dirixida aos intereses supremos dos españois, e non coas vísceras que é ao que nos teñen afeitos e fartos. O dito, un goberno de salvación nacional. Se foi posible un acordo despois dos famosos corenta anos da ditadura, porque non o vai a ser agora que estamos en democracia. 
 

Un Goberno de salvación

Te puede interesar