Penso que dun ou doutro xeito, xa está todo falado. A falta de acordo entre os primeiros espadas da desfeita política actual é manifesta. É por iso polo que chama a atención o titular dun xornal con grandes letras na primeira plana, “RISCO DE BLOQUEO”, como si non estiveramos xa bloqueados dabondo. De aquí ao dous de maio teñen de prazo os nosos representantes para se por de acordo e chegar a formar un goberno estable evitando así unhas novas e dubidosas eleccións en J26. Eu e estou seguro que comigo Juan Pueblo preguntámonos como é posible que se poidan entender estes homes (e mulleres) despois de haberse chamado de todo menos bonitos. É palpable e notase moito que non hai sintonía entre eles: Rajoy contra todos, Sánchez contra Rajoy, Iglesias, o home da coleta, contra Sánchez e agora Rivera, que semellaba ser o máis comedido de todos, contra Rajoy e Iglesias. No caso hipotético de que acadaran un acordo, o que semella unha misión imposible despois de todo o que ouvimos, ¿que clase de goberno ía saír de aí?, ¿canto tempo ía durar un entendemento feito no gume da navalla? A lóxica e o sentido común dinos que estamos abocados sen remedio a novas eleccións. ¿Que vai pasar entón ademais de seguir desvalorizando o que agora dan en chamar a marca España?. Se o resultado é máis do mesmo dentro de catro meses, que é o máis seguro ¿que alternativa nos queda?. Se hai algo que quedará perfectamente claro, se non o está xa, é que estes homes (e mulleres) fracasaron no seu intento de formar goberno e que polo tanto non queda outra solución que cambialos por outros máis dilixentes e con menos ambicións, prexuízos e xenreiras. Malia que foi o mesmo Winston Churchil o que dixo que a política crea estraños compañeiros de cama, (“politics makes strange bedfellows”), eu non podo imaxinar ao Sr Rajoy encamado con Pedro Sánchez e moito menos co home da coleta. Foi o gran Groucho Marx o que rematou a frase dicindo que o que verdadeiramente fai estraños compañeiros de cama, é o matrimonio.Brincadeiras aparte, con esta clase política estamos ben apañados neste país chamado España.