No mundo actual, e en beneficio dos poderosos, a pos-verdade substitúe a realidade no debate, e o táctico ao estratéxico. Semella que se está a utilizar a revolución informacional para que a escenificación, o espectáculo, constrúan unha verdade homologada polas clases dominantes. Siria é un exemplo deste xogo perverso, que prolonga a guerra e o sufrimento, dende os refuxiados/as, que seica preocupan aos medios occidentais, como aqueles outros/as que sen recursos para marchar, ou por conciencia de país, teñen que resistir os ataques ou a opresión xihadistas dentro de Siria.
Unha parte da responsabilidade da guerra está na dinastía Assad, xa que nas últimas décadas, seguindo os ditados do FMI, privatizou sectores da economía e reduciu as axudas públicas. Mais estas eivas non se poden comparar coa intervención externa que arroupa o terrorismo islámico. Primeiro, os Irmáns Musulmáns, e despois, a outros grupos máis violentos como a Fronte Al Nusra e o Estado Islámico. Turquía, Qatar, e Arabia Saudita, por esta orde, co apoio de Israel, Estados Unidos, Francia e Gran Bretaña, forneceron armamento, pagaron mercenarios e formaron terroristas. Non naceron espontaneamente. E agora, despois de sacar o “xenio da botella”, queren destruílo, ou utilizalo, para derrotar o Goberno sirio, colocando no seu lugar un executivo dócil, ou para dividir o país.
Para levar adiante estes obxectivos utilizan moitas caras, fan e rachan acordos, disfrazan Al Nusra de Cascos Brancos, ou de Exército Libre Sirio para frear os avances das forzas do goberno e aliadas invocando acordos de distensión asinados entre as partes. Estas brincadeiras son posíbeis porque as grandes potencias, as que teñen medios para impoñer condicións, xogan ás trampas, fano a costa do sufrimento da xente e grazas a complicidades.
Por iso, o que na toma de Alepo era un crime, en Mosul son danos colaterais necesarios para conquistar a liberdade. A importación de man de obra barata disfrázase de solidariedade cando interesa.
Mentres, estráganse os países de orixe sen ligar causa e efecto nas solucións aos problemas. Estes tamén son atrancos a vencer para impoñer a xustiza.