Astano, un himno ao desemprego

Entramos ao sexto ano de recesión, período crítico que na ferrolá ría dos estaleiros tórnase nun máis difícil ao chover sobre mollado, pois desde o inicio da reconversión do sector naval, o que fose principal motor industrial da comarca cumpre trinta anos sometido a unha diminución permanente da actividade económica que historicamente foi sostén de progreso e desenvolvemento.

Agora, mentres 20.465 parados agardan inutilmente unha resposta ás súas demandas de emprego, o emblemático pórtico de Astano, signo do apoxeo do estaleiro, converteuse nun tótem estático, unha inútil mole de dúas patas como réplica dual do degradante papel do bipartidismo político.

É obrigado lembrar que o despropósito desátase en 1983, cando por peaxe de entrada a UE esixe a España reducir a capacidade de construción naval e o Goberno socialista de González, resolve tal esixencia á conta de sacrificar Astano, e así por interesada discriminación, o mellor e máis competitivo estaleiro do país queda excluído do mercado civil, limitando a súa actividade ao mercado off-shore, restrición establecida á temporalidade límite do fin de ano do 2007.

Dicir que aquela decisión de castigo supuxo o primeiro recorte da masa laboral da factoría. Primeiro trancazo asestado coa conivencia dos dirixentes locais, sendo o proceso de fixación de excedentes un repugnante episodio onde o nepotismo político e sindical xa destapaba notorios síntomas de complicidade.

Chegada a etapa Aznar, o tratamento aplicado á factoría de Fene no que a marxinación se refire non difire do seu antecesor socialista, pois foron os populares quen despois de asumir compromiso coa UE vinculándose a pechar toda liña de axudas estatais aos estaleiros públicos, incumpriron aquel acordo facendo todo o contrario, maquillando as axudas a través dunha torpe operación de fusións e absorcións sectoriais que supuñan unha infracción do pactado. Tal quebranto propiciou a incoación de senllas investigacións cuxa resolución recaeu no 2004, cando a UE resolve como ilegais as axudas concedidas, das cales, paradoxalmente, Astano non percibira contía algunha.

Aquela neglixencia, reflexo acorde do facer político do PP, era unha nova oportunidade que abría a porta aos intereses doutros territorios, dispostos a proseguir co seu empeño en liquidar toda actividade fabril da máis valiosa factoría naval do país. De novo por alternancia electoral, é o socialista Zapatero quen previo acordo cos sindicatos estatais pacta con Bruxelas a non devolución das axudas outorgadas polo seu predecesor popular, a cambio da disgregación do anterior grupo naval e a súa conversión na actual Navantia, cuxa actividade quedaba restrinxida á construción de buques militares. No devandito pacto explicitamente prohíbeselle a Astano toda construción civil, engadindo como colofón a prórroga do veto que este amplíase até o 2015.

Aquelas medidas trouxeron consigo, ademais dunha nova diminución de emprego, a redución á mínima expresión da súa potencialidade como estaleiro, e mentres isto ocorría, os sindicalistas coautores celebraban con xúbilo o premio dunhas prexubilacións de luxo que pechaba a porta ao futuro, sendo aquel presidente quen atrancaba aínda máis todo rexurdimento ao incumprir o seu deber de impulsar o levantamento do veto que comprometera en sede parlamentaria.

A finais de 2011 é de novo o PP liderado por Rajoy quen toma o mando do executivo, despois de ter asumido electoralmente o que o seu ascendente socialista negase acometer; comprometendo non só a deixar sen efecto as limitacións do veto, senón que ampliaba a súa oferta ao envorcar apoio incondicional á construción dun dique flotante, artefacto estratéxico para reforzar a oferta de contratación da factoría.

Transcorrido un ano de mandato con maioría absoluta e o referendo dun reelixido Feijóo, o certo é que o resultado dun novo incumprimento pasou de mera presunción a unha rotunda evidencia, cuxa finalidade á marxe das aparencias, non é outra que acentuar a inviabilidade a toda posibilidade de recuperación e así concluír o proceso de liquidación iniciado trinta anos atrás.

Este corolario de tres décadas cumpre o único propósito de correr o veo e destapar dunha vez por todas o xogo de barullo que manteñen o PSOE e o PP, e cuxa estratexia consiste en utilizar a mudanza política como variable de opinión, en función ao papel de goberno ou oposición. Basta manobra duns insolventes que sen resultado algún dedícanse a enredar desde Madrid o futuro dun estaleiro cuxa continuidade depende en exclusiva das decisións de Berlín. Xa que logo, Astano ha seguir a ser un macabro himno ao desemprego...!

 

Astano, un himno ao desemprego

Te puede interesar