ACERTO

Lembro que entre os políticos adoitaban dicir os uns dos outros que só acertaban cando rectificaban. Agora pódese aplicar o conto ao PP de Ferrol, co gallo da derruba do alpendre que eles mesmos puxeron no lugar das fermosas arcadas da Praza de Sevilla. Semellante espantallo que dixeron construír “de aceiro cortén e metacrilato”, era tan ruín, tan cutre, que malia a tendencia dos gobernantes ás inauguracións das súas obras, o pendello aquel morreu sen que ninguén o inaugurase.
Coido que desfacer aquela “desfeita” foi un acerto, polo que hai que felicitar ao noso primeiro edil, que neste caso non seguiu a norma aquela que di: “Procure siempre acertalla el honrado y principal, pero si la acierta mal, sostenella y no enmendalla”.
E como din que o cortés non quita o valente, quero animar ao sr. alcalde a que siga rectificando. Abofé que ten abondo onde elixir, pero podería comezar polo recheo do túnel da vergoña, e devolverlle á avenida de Vigo o seu aspecto normal.

 

ACERTO

Te puede interesar