A Luis Mera. In Memoriam
Afestividade de San José celébrase amplamente no mundo occidental desde a Idade Media, engadindo o feito de ser o día do Pai e de festexar un dos nomes máis usados polos homes e mulleres da nosa Comunidade. A maiores, en Ferrol na súa véspera ten lugar A Noite das Pepitas, unha celebración de fonda tradición musical.
A xenuina festividade ferrolá de San José Artesano, naceu a fins do século XIX, tendo como orixe as nacentes rondallas que formaban os traballadores da construción naval. Posiblemente a orixe gremial destas agrupacións foron a causa de que algunhas delas tardasen en admitir as mulleres como integrantes das mesmas.
As rondallas foron evolucionando coa influencia das agrupacións musicais de Ferrol, como Airiños da Miña Terra e Toxos e Froles, así como coa inspiración dos numerosos poetas e músicos ferroláns, que influíron nas variadas composicións das rondallas, desde valses e pasarrúas a danzóns e habaneiras, mentres que o vestiario das mesmas foi evolucionando cara a uniformidade das tunas universitarias.
Hoxe en día as rondallas que percorren as rúas, prazas e sociedades de Ferrol non son soamente as agrupacións ferrolás como Añoranzas, Bohemios ou Sonidos del Alba, senón tamén outras de localidades próximas da nosa comarca como a Rondalla Mugardesa ou Trovadores de Ares, mesmo a formada por ferroláns afincados en Madrid, caso da entusiasta Virgen de Chamorro.
Dentro dunha semana, o día 19 de Marzo, celebrarase a festividade de San José. Sexa ou non festivo ese día, na noite da súa véspera é cando realmente cumpre celebrar esta festa musical de fonda raizame na vida ferrolá, do mesmo xeito que as tradicionais luminarias se acenden sempre na noite do día 23 de Xuño, véspera da festividade de San Juan Bautista, sexa ou non festivo o día 24 de Xuño. En todo caso, a polémica está servida.
Non é doado elixir os dous días festivos que cada localidade pode engadir ás doce festas oficiais fixadas pola Xunta de Galicia. No que atinxe a Ferrol hai polo menos ata seis candidaturas para dúas prazas: San Xulián (Padroado relixioso), San Xosé (Festa das Pepitas), Luns de Chamorro (A Virxe do Nordés), Mércores de Ceniza (posterior ao Martes de Carnaval), San Xoán (Festas das Luminarias) e San Ramón (Día de Amboage). Non debe estrañar que non exista acordo entre o Concello, o Comercio e as Asociacións de Veciños.
Botando unha ollada á nosa historia, cumpre lembrar que un alcalde ferrolán, o escritor republicano Francisco Suárez, un dos persoeiros máis interesantes da cidade, o ano 1869 fixo festiva unha data profana, o día vintecinco de Agosto, efeméride da histórica Batalla de Brión do ano 1800. Unindo o 25 de Agosto co seguinte 31, día de Amboage, teríase unha semana para celebrar en Ferrol as Festas do Verán, que deste xeito se verían arroupadas pola previa festividade de Santa María de Caranza e a posterior Festa da Parrocheira de Ferrol Vello. Atopouse así unha solución que lle daba un merecente protagonismo aos barrios.
O que non haberá problema é en buscar os axeitados itinerarios para que as rondallas poidan facer o seu percorrido de rolda polas rúas da cidade. As amplas e recentemente rematadas beirarrúas da rúa Alegre, que pola súa descomunal e inexplicable anchura semellan pistas de patinaxe, poderían servir para esa función, o que xustificaría ademais o nome da histórica rúa ferrolá.
Acotacións dun F.T.V. (Ferrolán de Tódala Vida). Desta rolda debo agradecer a xenerosidade da Sociedad Artística Ferrolana polo meu nomeamento de Socio de Honor. A gratitude é a memoria do corazón; polo tanto esta distinción permanecerá sempre entre as miñas lembranzas.
jjburgoa@hotmail.com