E as mulleres na Igrexa, que?

|

Dende a nosa ilustre Concepción Arenal que tivo que vestirse de home para poder cursar Dereito na universidade, pasando polos filósofos da modernidade que presentaron nas súas apreciacións machistas, frases como esta: mentalmente a muller non aporta nada persoal; engadimos a loita polo dereito ao voto; pasando pola “sección femenina, de falange preparando a la mujer esposa como fiel cumplidora y servidora del marido, el reposo del varón”; pasando polas loitas de xénero nos movementos sociais e políticos; e, quen o diría, chegando a este ano cunha folga xeral o 8 de marzo de milleiros e milleiros nas rúas de todas as cidades de España, participando tamén un número visíbel de varóns, reclamando a igualdade de xénero. Este acontecemento foi admirado polo mundo enteiro e supuxo un revulsivo inesperado que na xuventude, no traballo e na sociedade ha ter unha repercusión moi positiva. E deseguida no goberno de Pedro Sánchez aparece unha maioría de mulleres. E xa que nos toca moi de cerca, fago mención da acción que en Caranza de Ferrol fixeron dúas asociacións de mulleres, As Mulleres de Caranza e Ti e Máís Eu Teatro. A maioría dos veciños de Caranza e Esteiro temos o servizo de Gas Propano, Gas natural mercoulle a Repsol este servizo co propósito de eliminar o servizo de Gas Propano, substituíndoo polo Gas Natural. Grazas a estas dúas asociacións exclusivamente de mulleres que se puxeron a fronte e foron quen de mobilizar a veciñanza para conseguir de Gas Natural que siga proporcionando o Gas Propano. Quedamos abraiados que a dirección destas mulleres conseguiran o que tantos homes e a Asociación de Veciños tiñan por imposíbel: “quen se vai meter coa empresa Gas Natural!”. As mulleres neste caso foron as que nos souberon guiar para seguir con servizo de Gas Propano. 
Toda esta introducción, que reflecte o rexurdir da muller na sociedade, váleme para facer a pregunta: e na Igrexa, que?
Atrévome a pescudar o futuro do ordenamento canónico da nosa Igrexa, ateigada con tanta rémora machista dende o medievo e o renacemento, deica o Vaticano II e, sobre todo en España, até os nosos días; unha Igrexa, allea á participación da muller nos postos dirixentes. É este un bo tempo de reivindicar o posto da muller na Igrexa se aproveitamos as perspectivas do papa Francisco, un papa que está a espreita do que viven as comunidades cristiás de base de todo o mundo; como se ve La comunidad Cristiana de Base de Madrid non se queda atrás: “que la mujer tenga acceso a cualquier ministerio en estricta igualdad con los varones”. O papa Francisco ten dito cando falaba do papel da muller na Igrexa: “Dígovolo de verdade, sufro cando vexo que fan cousas de limpeza... a muller ten que participar na vida da Igrexa”.
Xa hai estudos teolóxicos que ven claro a necesidade da participación da muller nos ministerios da Igrexa; rexeitan que sexa o sacerdocio masculino de institución divina dicindo que nos ministerios eclesiásticos non cabe a muller, como se fora dogma de fe; Neste tipo de sacerdocio machista teño que engadir que Xesús Cristo non tivo nada que ver, ben ao contrario, nin Xesús foi sumo-saceredote, nin consagrou sacerdotes aos seus apóstolos, como casta separada do pobo, como se tivese a exclusiva da graza de Deus, ben ao contrario, rexeitou o ordenamento do sacerdocio xudeu. Teño entendido que o movemento feminista das teólogas actuais da Igrexa loitan precisamente por alcanzar non ese estatus clerical, senon por participaren dos ministerios da Igrexa, presidindo a Eucaristía, para facelos máis humanos e máis evanxélicos entre o Pobo de Deus. E unha das prácticas da Igrexa sería rachar coas separacións de xénero dentro da Igrexa. 
Se ben aparecen nas cartas paulinas do Novo Testamento pasaxes machistas presentando á muller dependente do home, hai que dicir tamén que na carta aos Romanos, cap. 16, presenta “á unha muller, chamada Febe, como diaconisa da Igrexa Cencreas”; mais sobre todo no Evanxeo de Xesús. Aparecen aquí mulleres, cos seus nomes, moi achegadas a Xesús e moi comprometidas coa súa mensaxe. Presentadas por Xesús como prototipos de fe, de valentía e dignidade nun ambiente contra da muller. Invito, sobre todo aos eclesiásticos, que lle boten unha ollada ao Evanxeo e observen as pasaxes onde interveñen as mulleres de forma decisiva. Son elas as primeiras testemuñas de Cristo resucitado as que levaron a aqueles homes, mortos de medo ao veren o seu Mestre axustizado na cruz, a alegría do Cristo resucitado, a alegría de que a causa de Xesús non fracasa, a dignidade dos pobres, da xente humilde e marxinada, son os primeiros no Reino de Deus. Mais presento á muller por antonomasia do Evanxeo, María, a nai de Xesús, mitificada no rosario, que non compromete a ninguén, e agachando o seu canto revolucionario do Magnificat que encaixa precisamente co Evanxeo liberador de Xesús, como programa de apostolado. 
Remato este artigo coa mensaxe do noso bispo do São Félix do Araguaia, Pedro Casaldáliga: “Outra das causas da miña vida é a causa das mulleres. Escribinlle a Xoán Paulo II: non se pode negar que a muller sigue a estar fortemente marxinada na Igrexa: na lexislación canónica, na liturxia, nos ministerios, na estrutura eclesiástica. Para unha fe e unha comunidade daquela Boa Nova que xa non discrimina entre “xudeu, grego, libre e escravo, home ou muller”, esa discriminación de muller na Igrexa nunca poderá ser xustificada. A tradición machista, que agachou a novidade do Evanxeo, explicará, quizais, o pasado; mais non xustificará o presente, nin moito menos o futuro que xa está aí”.

E as mulleres na Igrexa, que?