A carencia dunha verdadera revista de Ferrol e outras lerias

Las primeiras décadas do século XX, ao contrario do que hoxe vemos a noso arredor en Ferrol, eran abundosas e de grande interese as diferentes publicacións, tanto en castelán como en galego, de carácter cultural, artístico e histórico que se editaban nesta cidade. Nas diferentes revistas e anuarios daquela época escribían recoñecidos autores, tanto de Ferrol como de diferentes lugares de Galicia, casos de Díaz de Robles, Martínez Salazar, Rodrigo Sanz, Andrés Comerma, Justo Gayoso, Alberto Camino, Santiago de la Iglesia, Leandro de Saralegui, Federico Maciñeira, Fray Felipe Colmenero, Manuel Comellas, Aurelio Ribalta, Victoriano Suances, Emiliano Balás, Xaime Quintanilla, Cabo Pastor e Wenceslao Veiga, entre moitos outros.
Pola contra, ben entrado xa o século XXI, non existe hoxe en día unha auténtica revista de estudos locais en Ferrol, a pesares da recoñecida tradición ilustrada da urbe, das numerosas asociacións culturais desta cidade, a secular presenza da Armada e a existencia da Universidade fai máis de vinte e cinco anos; en resumo, un feito negativo ao que se debe engadir a insólita carencia dun Museo da Cidade e dun Centro de Estudos Locais, que xunto coa devandita Revista, deberían constituír os instrumentos operativos dunha auténtica política cultural do Concello. 
A sociedade actual amosa cada vez máis interese en coñecer a historia de seu, recuperando deste xeito a súa memoria cultural, e pescudando no pasado as súas sinais de identidade. Este feito reflíctese na presenza de acreditadas publicacións de historia local en lugares próximos a nos, caso da Revista de Neda, Cátedra de Pontedeume, Anuario Brigantino de Betanzos, Abrente (Academia de Bellas Artes) e Nalgures (Estudios Históricos), ambas de A Coruña, Compostellanum (Estudios Jacobeos) e Cuadernos de Estudios Gallegos, as dúas de Santiago, entre outras revistas que abren as súas páxinas a variados temas da cultura e a historia local. Polo menos na nosa cidade temos o caso especial da revista Estudios Mindonienses, que acolle nas súas páxinas moitos e interesantes traballos referentes á historia e á arte de Ferrol.
Neste contexto cumpre salientar a recente presentación do último número da revista FerrolAnálisis, unha publicación de esmerada estética que leva moitos anos publicando o Club de Prensa de Ferrol. Tras levar varios anos “externalizada”, dedicándose a tratar asuntos de fóra de Ferrol, de pouco interese para a cidade, no seu último número incorpora diversos temas que atinxen de xeito directo á Cidade Ensimesmada onde se edita. Non obstante, non se entende a pouca difusión que se lle deu nos medios de comunicación locais a súa presentación pública. De tódalas maneiras, esperamos que os próximos números de FerrolAnálisis sigan nesta liña de traballo.
No que atinxe ás asociacións culturais da cidade e falando das máis importantes, neste intre semella que están a pasar un período de sequidade editora. Fai anos que o Ateneo Ferrolán deixou de publicar a súa revista Atenea e os seus notables Cadernos anuais; o Real Coro Toxos e Froles non continuou coa iniciada tarefa de publicar a histórica revista Labor Galega. Polo menos, a Sociedad Artística Ferrolana (S.A.F.) publica, cecais de xeito intermitente e con menor frecuencia da debida, dúas revistas de certo interese: Arte Galicia e Poesía Galicia.
Por outra banda, xa fai tempo que as publicacións da Semana Santa deixaron de ser aquelas prestixiosas revistas de estudos onde se trataban interesantes temas da historia ferrolá. A revista Arimathea fai anos que tristemente se deixou de publicar, mentres que outras como Ecce Homo se converteron en revistas oficialistas, utilizadas como procesionarios de luxo polos prebostes das confrarías. Desapareceron tamén a publicación Aulas no Camiño e a revista Papeis Ártabros, mentres que fai tempo que non temos novas da revista Columba. 
Outra rechamante carencia na cidade é a dunha boa revista de ocio e cultura, que sirva para dar a coñecer de xeito periódico aos veciños as actividades que neste aspecto estea previsto levar a cabo en Ferrolterra. Mentres tanto a titulada Sociedade Mixta de Turismo de Ferrol ven de editar un folletiño que titula  ”Visitas turísticas e ocio activo. Semana Santa 2017”, onde, de xeito incoherente, non informa absolutamente nada das actividades da propia Semana Santa, sinal de identidade de Ferrol e responsable da maioría dos visitantes de Ferrol nestas datas. Cecais sexa para compensar a nefasta xestión municipal e empresarial da escangallada FIMO que, entre outras cousas, perdeu para Ferrol o Salón do Cabalo, EquiOcio, que tiña lugar na nosa urbe desde fai vinte anos. 
Neste desolador panorama cultural, que inclúe a triste desaparición da galería Sargadelos, un referente cultural da cidade, cumpre felicitar á Biblioteca Municipal de Ferrol pola notable exposición bibliográfica que alí se pode visitar nestas datas. Dedicada esencialmente ao traballo das Irmandades da Fala na nosa cidade, fai un exhaustivo percorrido por máis de cento vinte obras literarias, moitas delas procedentes do Fondo Local da propia Biblioteca e outras que pertencen a varias bibliotecas galegas e coleccionistas particulares. 
Ademais de amosar as publicacións dunha serie de relevantes autores de todos coñecidos, desde Aurelio Ribalta a Carballo Calero, a exposición ten o mérito de lembrar a obra de escritores que estaban practicamente esquecidos na nosa urbe, caso de Manuel Fernández Barreiro, Ricardo Carballal e Hixinio Ameixeiras. A exposición mostra tamén a maioría dos títulos publicados pola colección Céltiga, que foi fundada en Ferrol o ano 1921 e está considerada como o primeiro proxecto editorial en galego. A exposición bibliográfica “Ferrol e as Irmandades da Fala” loxicamente xira arredor da presenza en Ferrol desta entidade, fundada o día 15 de abril de 1917 cando se formou a primeira directiva que estivo presidida por Xaime Quintanilla, acompañado de Cabo Pastor, García Niebla e Eugenio Charlón como directivos. 
Precisamente o próximo 15 de abril, cando se cumpran cen anos da devandita data,sería unha boa ocasión para colocar unha placa conmemorativa no edificio onde se fundaron as Irmandades da Fala de Ferrol, o que daquela era o local de ensaio da agrupación musical Airiños da Terra, situado no entón número 27 da rúa Real, hoxe número 65.
 

A carencia dunha verdadera revista de Ferrol e outras lerias

Te puede interesar