Golpe e xiro autoritario en Turquía

Todo fai pensar que o Goberno turco esperaba o golpe militar, e que non o evitou porque lle favorecía que se executase, e poder así tomar medidas que impuxesen a Erdogan e o AKP como poder absoluto. A detención masiva de militares ten unha lóxica. Mais a destitución de máis de 2.500 xuíces indica obxectivos autoritarios. Acusalos todos de seren parte da conspiración carece de sentido, aínda que houbese algúns que participasen. Medidas deste tipo só se poden realizar nun escenario con 295 mortos e 1.440 feridos, onde os medios destacan o heroísmo do pobo na defensa da “democracia”, deixando nun segundo plano a reposta decisiva da maioría do exército para derrocar o golpe.
Nos vindeiros días saberase que vinculación ten a revolta coa viraxe de Erdogan na cuestión Siria, facendo as paces con Putin. Unha postura que estaría condicionada polo apoio dos norteamericanos e aliados aos curdos e o temor a que se conforme unha rexión autónoma, ou independente, na fronteira con Turquía. Un exemplo que Erdogan teme que alente o conflito curdo en Turquía, que xa hoxe constitúe unha guerra civil larvada, na que o exército está comprometido.
Ate que punto Washington deu folgos a este golpe, que tería como participantes os seguidores do clérigo Gülen, residente nos Estados Unidos, como acusan algúns membros do Goberno turco? Mesmo que fose certo, as relacións con Washington non racharán. Son moitos os intereses comúns da burguesía turca coas potencias hexemónicas. O AKP aposta, tanto por islamizar a vida pública, como pola globalización neoliberal. Aínda que poda ampliar as alianzas, o fracaso do golpe dará azos a unha renegociación máis que a unha recomposición. Posibelmente acelere a solución do conflito sirio, garantindo a unidade territorial e aceptando a Assad. O preocupante é que se faga a costa dos dereitos nacionais dun pobo secularmente oprimido, como son os curdos.
Aínda que Erdogan saia fortalecido do golpe, este reflicte as divisións no islamismo, nas clases dominantes, e o fracaso da súa folla de ruta en Siria, nun contexto de agudización das contradicións sociais. Gañar unha batalla non sempre significa fortalecerse.

Golpe e xiro autoritario en Turquía

Te puede interesar