A pregoada unidade de España

|

Un  dos maiores desafíos deste país, é sen dúbida  o recoñecemento da súa realidade plurinacional, e en consecuencia, saber compatibilizar  tal circunstancia coa  singularidade política das distintas nacións que conforman o seu ámbito territorial; posibilidade que dubidosamente  pódese levar a termo en tanto a vía de diálogo sexa substituída por panexíricos sobre o artificialismo da unidade de España. Preocupante situación ocasionada pola ofuscada  actitude política de quen dando por superado o proceso de descentralización territorial pecha toda posibilidade a facilitar  a articulación dun  proxecto de integración axustado á súa verdadeira diversidade, optando así por aferrarse ao trasnoitado concepto da Estado-Nación que por irreal ademais de só existir  na súa imaxinación conduce á arriscada vía da secesión. Comportamento que en absoluto debese resultar inesperado tratándose do PP, pois ademais  da súa deficiente  cultura democrática, a formación conservadora foi a artífice de forzar que   durante a transición a uniformidade territorial   tomase corpo de norma, para así, ter controlado o modelo de Estado e impedir toda redefinición da situación  en adecuación  á  singularidade  plurinacional  do país. 
Sendo menos descifrábel a reafirmación do PSOE en idénticas coordenadas, máxime, cando historicamente  os socialistas defenderon  xusto todo o contrario como pon de manifesto o seu histórico congresual,  cando sen ambaxes, esixían  o dereito para decidir, non tan só para   Catalunya,   senón tamén para o conxunto do ámbito plurinacional, se certo é  que durante a Transición a cúpula do partido con Felipe González á fronte, en liña ao seu proceder característico  desertou da política mantida polos seus predecesores para asumir  como propios os postulados da dereita.
Pero tras a obstinación de prodigar ata a saciedade  a atípica  unidade  de España, os membros do oficialismo patrio no seu empeño de obviar a pluralidade nos seus xustos termos seguen incorrendo na negación do evidente, alimentando deste xeito  unha   fobia centrífuga que fará crecer o descontento opositor   ata o extremo de converter  o independentismo nun conflito imparable que non poderán impedir  de ningún xeito  por máis que a golpes  en peito pretendan erixirse  nos seus redentores cando en realidade son os seus verdadeiros culpables. 
É por iso que utilizar desde a uniformidade do oficialismo español, a unidade como arma arreboladiza obviando toda referencia á diversidade, nunca como ata agora cultivara   tanto rexeitamento e provocado  en amplos sectores da poboación  tan pronunciada  réplica e contestación  ante as manobras   dun  nacionalismo banal e cotián  disposto sen excepción facer táboa rasa na conformación do modelo territorial  do Estado, cando a actitude razoable debese encamiñarse á mellora de activos como comunidade política plurinacional na dirección adecuada: para así,  facilitar a instauración do federalismo como patrón de referencia que ademais de achegar maior sensatez á organización territorial do país,  induciría  avances substantivos  nas cotas de autogoberno ao tempo de garantir o dereito para decidir.
Non é coincidencia por tanto que a versión desta campaña de axitación  patriótica, repunte curiosamente, o día despois dos comicios do 20-D, e xustamente cando o seu desenlace vén indicar a desfeita bipartidista, resultando paradoxal o protagonismo concorrente  de ambos os feitos, e deducible por tanto, que a proclamada a unidade de España  é en se mesma  unha defensa á desesperada  do bipartidismo e un ataque en desbandada  contra  os autores da súa derrota, que ademais de manter  o seu compromiso na defensa da esfera social  asumen como propia a plurinacional do Estado; cuxa identidade  se corresponde coa  auténtica esquerda transformadora  que recentemente desembarcada no escenario político pide paso  para o cambio político e a  profundización  na defensa  de revolución social e democrática. 
É por iso  polo que toda referencia  dos membros  do   PP e PSOE á  defensa da unidade da patria, de ningún xeito deba  ser  interpretada  de forma distinta á súa verdadeira intencionalidade,  que máis alá  que a aducida  ameaza  á unidade de España tenta  encubrir  tras a falacia a súa alianza de conveniencia para xustificar a máis que presumible gobernanza conxunta do  bipartidismo. En todo caso  mal pode conferírselle a defensa  da unidade de España, a quen facendo  abandono  de soberanía  institucional admite imposicións foráneas no marco constitucional do país.

A pregoada unidade de España