Nun programa de televisión, un economista afirmaba que sendo verdade que aumentaron os ingresos dos altos directivos, isto non se debe relacionar co descenso dos salarios da clase traballadora, senón co éxito da actividade exterior das empresas. E ademais, engadía que segundo o Banco de España, os beneficios das empresas están por debaixo de antes da crise.
Esta é unha interpretación simplista das estatísticas, xa que as rendas salariais baixaron moito máis que o PIB e as grandes fortunas medraron nun 40% no último ano.
Como o conseguiron? Dado que a participación nos consellos de administración non dá para tanto, resulta evidente que esta acumulación está ligada ao aumento nas cotizacións na Bolsa, aos lucros exteriores, e a que as empresas agochan en paraísos unha boa parte dos seus beneficios utilizando enxeñaría fiscal. Quen pode ignorar esta realidade que representa máis dun 25% do PIB?
As estatísticas son unha fonte importante para poder coñecer as tendencias da economía, do emprego e da situación social. Mais pensar que son unha radiografía exacta, ignorando a fraude, que ten un peso significativo no ámbito empresarial, pode levar a unha análise incorrecta do problema. Por exemplo, segundo a EPA, a cantidade de horas extras realizadas é menor que antes da crise, cando todos/as sabemos que se fan máis que nunca, polas que non se paga nen se cotiza, xa que houbo un aumento importante da explotación laboral.
Tampouco se axusta á verdade que a menor competitividade das empresas teña como razón central a baixa capacitación dos operarios, cando unha gran parte dos que teñen títulos medios e superiores son contratados despois como peóns ou niveis semellantes. En todo caso, non hai dúbidas de que en moitas empresas falta I+D+I e unha política comercial axeitada. Mais a pregunta que nos temos que facer é: esta é a principal eiva? Non será que o transcendental, agás situacións menores e conxunturais, é a complicidade entre o poder empresarial e as institucións políticas hexemónicas, e a aposta destas pola economía de escala en beneficio do empresariado máis concentrado e da centralización territorial do poder?