O goberno posíbel

Independentemente da aposta do establishment mediático pola gran coalición PSOE-PP (co ramo de Ciudadanos), semella que arestora a única alternativa a unhas novas eleccións neste mesmo semestre é o chamado Goberno de progreso, seica presidido por Pedro Sánhez e vicepresidido por  Pablo Iglesias.
A clave deste Goberno é a de enxergar a plurinacionalidade política do estado español. Porque a Sánchez non lle abonda co apoio de Podemos e IU. Nin sequera co de En Marea, Compromis ou En Comú Podem. Non, precisa ademáis do voto a prol do PNV e do apoio a xeito de abstención ou ausencia dos independistas cataláns de ERC e Democracia i Llibertat. Velaí o acerto de Pablo Iglesias ao considerar inviábel que Ciudadanos poida apoiar esta alternativa.
Todas estas forzas teñen, por votos, lexitimidade abonda para formar unha base parlamentaria de apoio a un novo Goberno. Un Goberno ao que lle estará vedada a reforma constitucional, mais que terá amplas posibilidades de conformar unha axenda potente. 
Un tal Goberno, no territorial, podería tentar encaixar, malia que aos poucos e diluidamente, o dereito a decidir nas nacionalidades e, mentres,  revertir a prol dos poderes territoriais a recentralización de Aznar e Rajoy e restaurar a autonomía local dos concellos. Podería tamén enfrontar un cobizoso programa de reformas legais cara a rexeneración democrática, para acadar unha gobernanza transparente e un sistema electoral máis xusto.
Canto ás políticas económicas e a axenda social, si é verdade que a Unión Europea restrinxe bastante a mare de manobra dun tal Goberno. Mais tamén é verdade que unha fronte de gobernos progresistas europeos (Grecia, Italia, Francia, Portugal, o Estado español e quizais Irlanda) podería reaxustar as esixencias de déficit de Bruxelas e propiciar un xiro cara políticas máis asimilábeis ás desenvolvidas con bó suceso por Obama. Para máis, as marxes internas (política enerxética, reformas fiscais, etc.) permitirían deseñar políticas sociais e de reactivación económica mesmo no actual contexto europeo.
Un Goberno de progreso desta caste non faría a revolución, nin falla que fai. Mais quizais fose unha posibilidade para ollar cara á cidadanía e non cara ás elites e ir desatoando os graves problemas colectivos, comezando polo social e polo territorial.   

O goberno posíbel

Te puede interesar