Eusébio

 Ioito gocei días atrás vendo o filme-documental deste nome que utilizo para titular estas liñas. Amo o fútbol. Está presente nas imaxes da miña vida desde case que teño recordos. Obviamente, o que lembro é o bo fútbol, non as patadas a unha bóla sen máis. Tanto é así, que apenas teño presentes imaxes de partidos que me deron grandes alegrías. Si lembro grandes partidos, grandes xogadores, grandes xogadas e grandes goles. 
O máis antigo penso que é un que lle metera Eusébio ao Real Madrid na final da Copa de Europa de 1962. Era a primeira final europea que vía en directo pola televisión, que empezara a verse en Ferrol non moito tempo antes. Nin que dicir ten que eu ía polo Madrid pero aínda así recordaba o gol con nitidez, como puiden comprobar vendo o filme. 
Comprobei que tamén recordaba ben o gol de cabeza que lle marcara ao Brasil de Pelé, que gañara os dous mundiais anteriores, cando o eliminou do de Inglaterra en xullo de 1966. Eu, que ía por Brasil, xa apreciei daquela o magnífico xogo dos portugueses, non só o de Eusébio e estaba convencido de que Portugal merecera gañar aquel campionato, no que fora terceiro, vencendo á Unión Soviética após ser eliminado nas semifinais por Inglaterra, a selección que acabaría sendo campioa. Lembro que o día daquela curiosa final Inglaterra-Alemania, celebrada o 30 de xullo en Wembley, facía un calor de mil demos naquela Vilalba na que me atopaba pasando a fin de semana convidado por Rafa Casanova. Como os bares estaban ateigados de xente non vimos os 120 minutos do partido máis que a cachos. Deste partido, naturalmente, non hai imaxes en Eusébio - História de uma Lenda.
Iso vese ben no filme do realizador Filipe Ascensão. Como tamén queda claro quen foi Eusébio, aquel cativiño que soñaba con ser “jogador da bola” . E chegou a xogador, deses que fican na memoria da xente e dos que falan mesmo os que nunca os viron xogar no seu tempo. Tal Cristiano Ronaldo que dixo del “Para mim era o exemplo como jogador”. Pero tamén Di Stéfano, cando a morte de Eusébio, declara, como se recolle, na película: “Eusebio sempre será o mellor xogador de todos os tempos”.

Eusébio

Te puede interesar