Algo de nomes

Escoitei nun programa de televisión que os nomes máis comúns dos nenos e das nenas nados en España o pasado 2017 foron Lucas e Lucía. Ao seu carón outros tamén non moi comúns hai uns cantos anos: Hugo, Martín, Martina..., que non quere dicir que non tivesen presenza no pasado próximo, que a tiñan, mais esta era en moita menor cuantía dos actuais. Coñecín ao longo da miña xa non curta vida –cumprín hai un par de semanas 68– persoas que se chamaban Lucía, Lucas, Hugo, Martina, Martín, tanto cando cativo ou adolescente como cando home feito ou en vías de selo. Foron compañeiros ou compañeiras de estudos –isto xa na Universidade, que daquela, nos niveis anteriores, estaban prohibidas as aulas mixtas, non fose ser o demo–, amigos e amigas, veciños e veciñas, alumnos e alumnas... Unha das cousas que ten a docencia é que che permite ir vendo como van cambiando as modas antroponímicas. Sabido é que son moitas e moi diversas as causas que levan a uns proxenitores a poñerlle determinados nomes ao fillos.  A tradición familiar, o santo do día, a eufonía ou o feito de se chamar así algunha famosa ou famoso son motivos frecuentes para unha ou outra escolla. É sabido que en tempos da ditadura estaba prohibido poñer nomes en idiomas diferentes do español, lexislacións que padeceron moito tanto vascos como cataláns. En Galicia pouco nos afectou, pois que os nomes galegos xa levaban anos abondos desaparecidos da nomenclatura oficial. Non así os hipocorísticos, que sempre houbo Maruxas, Catuxas, Goros... Morto Franco e cambiada a lexislación do rexistro civil os nomes tradicionais dos idiomas proscritos foron recobrando a oficialidade, porque nas casas ou nas tabernas dos Países Cataláns ou do País Vasco sempre houbo Jordis e Koldos, aínda que os carnés puxesen outra cousa. E algúns deses nomes, sobre todo os vascos, traspasaron as fronteiras e foron aparecendo por toda a xeografía española Unai, Iker, Ainhoa, Laia... Entre nós, aínda que máis de vagar, tamén comezaron a facerse comúns as formas galegas dos nomes: Xulio, Brais, Filipe, Xurxo... Curiosamente, isto non adoida acontecer con aqueles nomes máis frecuentes ao longo de moitos anos. Non é común atoparmos xente nova que se chame Xosé ou Xoán. A imensa maioría dos que escoitamos van referidos a xente de certa idade que no seu día foi inscrita como José e Juan e xa de maior optou por mudar esas formas polas galegas. Coñezo o procedemento.

Algo de nomes

Te puede interesar