A vergoñenta carencia dunha publicación de estudos locais

|

outras ocasións xa falamos da importancia que ten o coñecemento da historia local. O estudo do pasado enriquece o presente e permite que o futuro coñeza as súas raíces, poñendo en valor o Patrimonio Cultural e Histórico dunha cidade. Ferrol, cidade naval de longa historia, con Universidade propia e significada presenza da Armada, carece dun Centro de Estudos Locais e a correspondente revista de Estudos Históricos.  

 No que atinxe aos concellos próximos a Ferrol, o interese por estes estudos se reflicte na presenza de acreditadas publicacións: Revista de Neda, Cátedra de Pontedeume, Terras do Ortegal, Anuario Brigantino de Betanzos, Nalgures (Estudios Históricos da Coruña) e Estudios Mindonienses de Mondoñedo, entre outras exemplares revistas que dan a coñecer variados temas da arte, a cultura e a historia.

Entre estas publicacións de estudos históricos, por exemplo na revista Estudios Mindonienses, que cubre esencialmente o territorio da Diócese de Mondoñedo-Ferrol, diversos historiadores e estudosos da nosa cidade escriben sobre temas referidos á historia local. Mentres tanto FerrolAnálisis, de indubidable calidade, non logra ser esa revista de estudos locais que precisa a cidade

Do resto de revistas ferrolás; de Cadernos Ártabros levamos tempo sen novas; Papeis Ártabros desapareceu o ano 2010, tras unha breve travesía de seis números; as revistas periódicas do Ateneo Ferrolán e da S.A.F., que no seu intre tiveron certo interese, hoxe esmorecen ou desapareceron.

Mentres tanto, as revistas da Semana Santa de Ferrol que durante algún tempo tiveron unha época de notoriedade tampouco hoxe amosan excesivo interese.

Noutro orde de cousas, nos últimos anos do século XX e nos primeiros do XXI, primeiro a Fundación Ferrol Metrópoli e máis tarde a asociación Tribuna para el Diálogo, ámbalas dúas entidades desaparecidas por diferentes razóns, no seu intre levaron a cabo un interesante, e non sempre recoñecido, traballo a prol de dar a coñecer os principais problemas que presentaba un desenvolvemento integral e sostible de Ferrol, sempre traballando dentro dunha visión a medio e longo prazo, e tendo en conta os diferentes factores sociais, económicos, ambientais e culturais da cidade.

As devanditas asociacións publicaron interesantes revistas que constituíron naquel intre un foro aberto de ideas onde se trataron os problemas importantes que afectaban ao desenvolvemento integral da cidade.

Non obstante cumpre dicir que nin o Concello de Ferrol, nin as entidades importantes da cidade, desde a Universidade á empresa Navantia, nin as propias asociacións de empresarios da época, nin a propia Xunta de Galicia, así como tampouco os medios de comunicación en xeral,  nunca lle deron a merecente cobertura ao seu traballo.

Neste desolador panorama temos que salientar a exemplar presenza da interesante revista cultural A Tenencia, editada pola Agrupación Instrutiva de Caamouco en Ares.

No seu número 6, outono de 2019, publica unha serie de biografías e traballos históricos de grande interese. Entre as biografías aparecen as de Antonio Veiga López, empresario, e de Antonio Grande Porto, profesional da pesca, ámbolos dous naturais de Redes.

Antonio Veiga tivo unha continua relación con Ferrol. Despois de emigrar a Cuba montou unha xoiería na ferrolá rúa Real, foi socio da Fábrica de Lápices Hispania, copropietario do Cine Avenida e subdirector da Xunta de Obras do Porto de Ferrol. Pola súa parte, Antonio Grande, tamén emigrante a Cuba, é considerado a memoria viva da pesca en Redes, sendo un gran coñecedor das embarcacións e das artes de pesca empregadas.  

Entre o resto dos artigos da revista salientan unha serie de documentados traballos que se refiren á emigración, especialmente sobre os Centros Galegos de La Habana e de Buenos Aires, e unha especial referencia a La Alianza Aresana de Instrucción e aos seus membros máis coñecidos.

jburgoa@hotmail.com

A vergoñenta carencia dunha publicación de estudos locais