HAI PARTIDO

Os poucos inquéritos elaborados desque Feijóo disolveu o Parlamento tracexan un escenario aberto no que son constantes a tendencia á baixa do PP (entre catro e sete pontos), do PSOE (entre tres e cinco pontos) e do BNG (perda de dous a tres escanos). As bolsas de abstención decidida, voto en branco e antigo voto aos tres partidos parlamentares, hoxendía indeciso, constitúen un escenario no que resulta complexa a atribución de porcentaxes de voto definitivos e de escanos. Polo que unha reedición da maioría absoluta popular é, nesta conxuntura, moi dubidosa.

Porén, o inexorábel desgaste da recesión non afortala as perspectivas de BNG e PSOE, que baixan en conxunto tanto como o PP, en termos porcentuais. Canto á coalición “táctica” entre Beiras e EU semella que podería consolidar unha representación cinguida ás perdas do BNG, o que demostraría que a famosa Alternativa (autocentrada na esquerda anticapitalista e pechada de feito ao galeguismo, á socialdemocracia e ás correntes ecoloxistas e progresistas representadas por CxG) constitúe un xogo de suma cero que non é quén de lle tirar votos a un PSOE e a un PP que poderían perder votos a mancheas.

Semella evidente que hai partido. E que os votantes dubidosos de PP e PSOE e máis os abstencionistas activos e pasivos poderían ficar na casa ou optar por un mal menor. Nin BNG nin Beiras-EU,polo de agora, teñen capacidade de incidencia real nestes amplos espazos electorais, tamén vetados á UPD pola súa nula implantación galega e polo seu centralismo extremo.

O que, aventuras de Mario Conde á parte, deixa como única forza con capacidade de xogo transversal ao longo do abano político (excluída a dereita dura convencida da bondade da liquidación do Estado do Benestar e máis a esquerda dogmática) a CxG. Que, porén, xoga con moi graves limitacións de tempo e de medios.

O que ninguén pode dubidar é que esa demanda transversal e ese espazo electoral existen. Que as posibilidades reais de que o PP perda a maioría absoluta poden depender de que estes votos non fiquen no PP ou na abstención. E que semella que nin o PSOE, nin o BNG nin a nova coalición anticapitalista teñen capacidade real de incidir nese espazo que é xusto no que se van xogar as eleccións.

HAI PARTIDO

Te puede interesar