Guerras, sancións, e agora os aranceis

|

Ficamos diante dun novo escenario económico, político e estratéxico. Debese á decisión das potencias emerxentes de substituír o dólar como moeda de reserva e no comercio exterior, e do aumento por Washington das sancións e dos aranceis con outros estados, mesmo abrindo unha fenda cos seus aliados. O proceso semella que non ten marcha atrás, e nos vindeiros anos todos os países  deberan adecuarse a esta realidade, que vai afectar no inmediato ás materias primas e produtos industriais. Chegouse a este grao de confrontación tanto, porque os Estados Unidos non está disposto a aceptar un mundo multipolar, como porque a Unión Europea preferiu manter seu apoio á hexemonía norteamericana. 
Esta decisión do Goberno de Trump non foi fácil, pola oposición interna dos grupos  globalistas. Mais, agora non será doado que se dea marcha atrás, e coloca diante dun escenario difícil a moitas empresas e países, que apostaron todo á globalización (“internacionalización”). Os máis afectados son os sectores da información e comunicación, da comercialización mediante a rede, os bancos de investimento... Moitos dirán que, tendo en consideración a actitude de China e a Unión Europea as consecuencias serán relativas. Mais os Estados Unidos teñen un papel central no comercio internacional, nos movementos de capital, na innovación tecnolóxica, e son a maior potencia militar do mundo. Colateralmente, non se pode obviar a inmensa débeda soberana?
Mais o proteccionismo tamén pode ser unha oportunidade, como destacan algúns analistas. Amosa claramente as limitacións do capitalismo, carente de solucións que non sexan a confrontación, e un mundo constituído por vencedores e persoas explotadas e pobos oprimidos. As sancións e aranceis obrigan a construír economías autocentradas e sustentábeis. 
Pode ser unha nova oportunidade histórica para as pequenas nacións, para as clases populares, que perderan todo protagonismo nun mundo globalizado e feito á medida das grandes potencias, corporacións e fortunas. 
Non se pode ignorar que estes cambios implican custes sociais (non hai parto sen dor), mais, ábrense tamén expectativas para unha redistribución máis xusta do traballo e da riqueza. Un aspecto fundamental para toda a humanidade, e moi especialmente para os territorios periféricos dos estados centrais e os países subdesenvolvidos. Esta nova etapa dependerá de que, ademais dos vellos grupos de poder, existan proxectos rupturistas, liberadores, e da fortaleza da mobilización nacional e popular. 

Guerras, sancións, e agora os aranceis