Dona Ana Botella fixo público que marcha, que non recunca. Non nos deixou ben claro se é porque cansou ou porque non contan con ela, que parece o máis real. Nestes días en que está na boca de todas estas xentes o da reforma democrática, tería quedado máis que ben se dixese que o deixaba porque xa levaba doce anos no concello e hai que renovar. Pero non o fixo, porque son rarae aves as persoas que se van motu proprio. Tremendo problema. Porque, van rexenerar algo persoas como Alfonso Guerra, 37 anos no Parlamento, case tantos como Franco de ditador? Ou os que levan anos e anos, décadas, comendo da política? Concelleiros, alcaldes, deputados aquí e acolá como Rosa Díez, desde o 87; Durán i Lleida, desde o 79; Anasagasti, desde o 86; Olaia Fernández Davila, desde o 93; Gaspar Llamazares, desde 1991 ou Mariano Rajoy, desde 1983? Obviamente, non. Pasados 8 ou 10 anos en cargos, o normal é saírse da realidade. Esta presunta rexeneración, lémbrame aquel vello conto de –“Hola, son paraguaio e viña pedir a man de súa filla para casar con ela –Para… que? –Paraguaio”. Pois iso, rexe… que?