Suxestións interesadas

A OCDE acaba de suxerirlle ao Estado español que baixe as cotizacións sociais e suba o IVE, co argumento de que iso favorecería a competitividade empresarial. Mais, agocha que así se diminúen os salarios, tanto porque rebaixan os ingresos diferidos do traballador/ra (aqueles que recibe cando se xubila), como porque cae a capacidade de consumo polo aumento dos impostos. O Goberno  contesta, que xa estableceu unha tarifa plana de 100 euros ao mes para os contratos indefinidos.
Esta medida, supostamente impulsora do emprego, faino a costa de reducir os ingresos sociais, o que é unha das causas do déficit do sistema de pensións. En poucas palabras, todas as medidas tomadas, agás algún caramelo para aparentar unha certa equidade, favorecen o capital en prexuízo da clase traballadora. Máis elitismo, imposíbel!
Malia a caída dos salarios e a rebaixa dos impostos ás empresas, a capacidade competitiva exterior pouco avanzou, e cando o fixo foi conxunturalmente. Primeiro, porque todos os países da UE están a facer o propio, e ademais porque os empresarios preferiron aumentar o seu lucro. Se antes púñase como exemplo os países avanzados do norte de Europa, agora ameázase con aqueles que teñen unhas condicións laborais máis precarias. Segundo, porque ao carecer de moeda propia e de control das taxas de importación e exportación, non se poden utilizar estes mecanismos para regular o mercado exterior. Asemade, este é cada vez máis agresivo e condicionado polos conflitos militares, a cuestión da hexemonía imperialista, e baixo o control das corporacións e das potencias.
A degradación das condicións de vida da maioría, o aumento da exclusión, non axudan a alentar o mercado interno e a creación de emprego, tal como vemos na Galiza, malia que Feijóo pense que nos vai mellor que á contorna.
Hipotecar o futuro aumentando o crédito e rebaixando cotizacións e impostos (aos máis ricos), non é unha solución, aínda que transitoriamente dea un respiro á macroeconomía. Os males son propios da globalización neoliberal, dun capitalismo que utiliza todos os medios para maximizar o lucro, onde a xente non importa.  Esta é a cuestión de fondo.

Suxestións interesadas

Te puede interesar