Festas en Ferrol

Esmorece agosto e con el o vrau. Semana de festas de verán nun Ferrol que non está para moitas festas. Xa teñen mérito os ferroláns con saír a rúa coa que está caendo aí fóra.
Que nos depara o novo curso que empeza agora? Vanse resolver os problemas que temos plantexados hai tantos anos?:    Emprego, estaleiros, obras na rúa, o ensino, a Armada, o comercio, a diminución de poboación, a lacra da emigración de novo, os fillos e os netos que non teñen traballo, o goberno que non goberna, a corrupción que non cesa, os cargos políticos adxudicados a dedo a guaperas, indocumentados, falapoucos, trepas e mangantes varios.Que está a pasar en Navantia, antes Bazán? Que intencións teñen eses directivos que gobernan dende Madrid, con mando a distancia? Mesmo semella que non teñen outra idea que pechar os estaleiros. Despois de case 300 anos nos que millóns de homes e mulleres deron o mellor de si mesmos para chegar a esas construcións que marabillaron ao mundo, despois de acadar o mais alto nivel tecnolóxico da súa historia, como poden uns directivos políticos, foráneos, advenedizos e indocumentados, sen ningunha vinculación coa cidade facer tábula rasa e desprezar e mandar ao paro e a indixencia a tanta xente? Están para buscar solucións ou para acabar coa construción naval en Ferrol? Deixemos un lugar para a esperanza, non nos queda outra que loitar polo que é noso e moi querido, ninguén o vai facer por nos. Si un dia fomos capaces de enfrontarmos a un ataque á cidade polos británicos, fai 214 anos, agrupémonos agora para afrontar o que se aveciña, a Armada, o comercio, o Concello, as forzas vivas, todos xuntos, por respecto aos nosos devanceiros e aos nosos fillos e  netos, porque nos vai nelo a mesmisima sobrevivencia como cidade. Namentres disfrutemos das festas de remate do verán, que xa é un milagre que se celebren festas nunha cidade tan depauperada como está o noso Ferrol.
“La Armada y el pueblo de Ferrol unidos, serán siempre capaces de conjurar cualquier peligro aún en tiempos de zozobra”. (Do magnífico libro Dos dias de gloria do llmirante Miguel Fernández).

Festas en Ferrol

Te puede interesar