É chegada a hora

Ese xeito de aterraxe descontrolado no último momento dunha operación calculada ao detalle,  con efecto final desastroso, que remata de pór en evidencia a misión europea e rusa ExoMars no seu intento por pousar suavemente un aparello espacial no planeta Marte, é unha demostración incontestable do risco que hai en calquera fórmula de cálculo humano por moi preciso que semelle ser. Vén a conto da previsión política que fixa a investidura da presidencia do goberno, en última votación parlamentaria, para domingo final mes; á porta do mesmo día de defuntos.
Dez longos meses após a celebración do primeiro intento electoral, cun goberno en funcións, todo apunta a que é chegada a hora límite de convertelo en titular da praza. Tal que se fose un período de proba á moda do novo modelo de contratación que este goberno, que xa vén de antes e vai cara despois, impuxo coa súa reforma laboral; e dicir, sen considerar o tempo anterior de experiencia e traxectoria. Comezar de novo, como se venderamos a empresa e a compradora non asumira a antigüidade no traballo. Na opinión publicada tamén está a instalarse esa dinámica, ver ao previsible goberno sen o seu lastre pasado. Co contador posto a cero, sen historia incómoda.
Hora final, pois, que xa é en tempo de desconto nun partido que mira de cara ao reloxo. Baixo a presión dunha axenda moi axustada na que debe conxugarse a cerimonia da consulta rexia, á que seguirá a sesión parlamentaria que vasi, necesariamente, forzar á apertura do Congreso en festivo polo mandato constitucional que obriga ao prazo de corenta e oito horas, entre a primeira votación na que se precisa a maioría absoluta e a segunda na que é suficiente coa simple. Porén, ademais polo medio debe producirse cambio de hora. Cousa que lle dá o seu aquel  ao asunto.
Por iso, é tempo de ver como se vai pór en escena o xeito de facilitar a investidura no marco do confronto socialista. De fracasar sempre se poderá concluír cunha xustificación como a que nos ofreceron os responsable da “desaparición” da sonda Schiaparelli: “Dende o punto de vista da enxeñería, temos datos moi valiosos para traballar. Faremos unha comisión de investigación para afondar nos datos e non podemos especular máis”.  
E dicir, se a investidura esnafra, aquí novas eleccións e que as urnas repartan votos e gloria. Chegou a hora da verdade.  
 

É chegada a hora

Te puede interesar