É sempre a mesma melodía

Pouco antes do verán, polo mes de xuño creo recordar, o Congreso dos Deputados aprobou a modificación do Código Civil para permitir que os sefardís orixinarios de España poidan acceder á nacionalidade española sen antes renunciar á (ou ás) que posúan, como xa acontecía coas xentes procedentes de países  hispanoamericanos, de Filipinas, Guinea Ecuatorial, Portugal ou Andorra, aínda que non residan en territorio español. O argumento fundamental é o da reparación dunha inxustiza histórica: a expulsión dos xudeus en 1492. 
Hai máis de cincocentos anos. Non obstante, os saharauis que eran españois hai catro días, fican fóra deste tipo de posibles beneficios, como algúns grupos lembraron no debate parlamentario. E quen foi un dos defensores desta medida en nome do goberno? Pois nada menos que o señor García Margallo, que ven de debater sobre a cuestión catalá hai uns días. Afortunadamente, para o PP, non foi o presidente Rajoy o encargado de debater sobre cuestións de nacionalidades. 
Aínda que parte da súa entrevista con Carlos Alsina en Onda Cero foi trending topic, e, consecuentemente, é máis que coñecida, non está de máis incidir no seu absoluto descoñecemento da lexislación española e europea con  respecto a ese tema. É grave dicir que hai xente que incita a outra a que renuncie á súa condición de español ou europeo, perdendo así os seus dereitos como tales. Abofé, que, así enunciado, en España nunca tal escoitei. Como lle lembrou con todo tino e rotundidade o xornalista, os nados en España, vivan onde vivan, se non queren, non perden a nacionalidade española. E, como deriva desta, tampouco perden a europea comunitaria. 
Se afirmacións como estas as soltase a sabendas que de eran outras máis desas mentiras ás que nos ten tan afeitos sería grave. Mais o problema non queda aí, é máis grave aínda: ponse a falar con total tranquilidade -logo xa foi entrando en fase de desconcerto absoluto, nesas de terra trágame- de asuntos legais dos que demostrou non ter nin idea. Menos mal que é licenciado en Dereito!
Case o fixo tan ben como Belén Esteban, a coñecida “princesa del pueblo”, que defendendo a unidade de España, porque “España somos todos”, manifestou que non lle parecía ben a independencia de Barcelona [sic], non a de Cataluña.
Como a selección española de baloncesto andaba en días pasados xogando o campeonato europeo, que acabou gañando parece que con grandes actuacións de Pau Gasol, defensor do dereito dos pobos a decidir, algúns políticos -non sei se porque son amantes do baloncesto  ou non- sentíronse na obriga de opinar e non precisamente do xogo da canasta. 
Así, Soraya Sáenz de Santamaría deixounos un: “Gasol es catalán, es un fenómeno y los españoles nos sentimos orgullosísimos de que sea compatriota nuestro” ou Albert Rivera obsequiounos con “Gegant Pau Gasol. Juntos somos más fuertes”. Non sei se non contradirán un bocado as opinións do presidente, que parece que non deixou moi claro quen é para él máis español se Pau Gasol ou Nikola Mirotic, montenegrino de nación e residente en USA por profesión.
En calquera caso, voume quedar cunhas das frases de don Mariano destes días: “Hay que salir a votar, decir basta y poner fin a esta pesadilla”. Se cadra contra fin de ano sairemos de verdade das que nos provoca.
 

É sempre a mesma melodía

Te puede interesar