Río Belelle

|

O Belelle é un fermoso río da comarca de Ferrolterra que nace, a 518 metros de altitude, no chamado Barranco da Cernada en San Martiño de Goente, municipio de As Pontes de García Rodrígez. Atravesa os municipios da Capela, Fene e Neda, onde desauga despois duns 30 quilómetros de percorrido, na ría de Ferrol. Ademais dos regos Felgueiras e Cernadas, que son os que conforman o río no monte Casa do Vento, na serra do Forgoselo, conta cos afluentes Carboeiro, Teixo, Lameiras, Castelo, Graña e Gatos. De gran riqueza paisaxística e ecolóxica, con flora e fauna autóctonas (carballos, loureiros, érvedos, castiñeiros e sanguiños, troitas de río e de mar, ras patilongas, cobras de colar...), conta como un dos seus máis importantes atractivos cunha fervenza duns 40 metros de altitude, entre O Couce e Marraxón. Tivo e aínda ten unha grande importancia económica, pola limpeza das suas augas, que subministra ás poboacións veciñas, pola súa aportación á agricultura, industria, pesca, acuicultura, xeración de enerxía e mesmo ao lecer. Disque xa no século XVIII utilizabanse as súas augas para lavar as velas dos buques da Armada. Aínda existe unha canalización que leva a auga do río ata o Arsenal militar. Ata os anos 50 moveu as moas dos antigos muíños fariñeiros, algúns en ruínas hoxe en día e outros trasformados en vivendas particulares. Dúas centrais hidro-eléctricas construídas a comezos do século XX subministran electricidade a Ferrol. Noutro tempo funcionaron a carón do río fábricas de papel e textiles e mesmo as Reais Fábricas de biscoito para abastacemento da Armada, chegando a producir mil quintais de pan ao mes. Como calquera río que se preze, non lle faltan as súas lendas. Sirva como exemplo a da Serpe voadora, que disque percorria toda a zona ata a praia de Cabanas co gallo de tomar as nove ondas. Nos primeiros días do mes de setembro celebrase á beira do río a Festa do Pan de Neda, con rexistro hoxe de Marca de Calidade, recuperando así a tradición panadeira do río e da vila. Tamén o 24 de agosto celebrase no lugar do Roxal un festival que leva o nome do río. Desauga, como xa se dixo, na ría de Ferrol despois de atravesar unha ponte sobre a estrada, xa na vila de Neda, ao pé das igrexas de Santa María, de estilo barroco, século XVIII, e de San Nicolás, de estilo gótico, século XIV.

Río Belelle