Vivaldi e Piazzolla

a man, xuntos camiñaron no  concerto inaugural da tempada que prograou a Sociedade Filarmónica a cargo da “Camerata Nuestro Tiempo” formada por músicos pertencentes a Orquestra Sinfónica  de Galicia.  Vivaldi e Piazzolla están separados no tempo por máis de douscentos anos e desde esa perspectiva hai que ver a súa música. Quen non coñece “As Catro Estacións “ de Vivaldi,  a  obra máis representativa de todas as que compuxo?, sen embargo “As Catro Estacións Porteñas” de Piazzolla son menos coñecidas para o gran público. Non cabe a nenor dúbida que Piazzolla emula en certo modo a Vivaldi facéndolle un guiño con “As Catro Estacións Porteñas” o que nos fai supor da admiración que o músico arxentiño tiña por este xenuíno representante do barroco. 
Non vou entrar en aspectos técnicos porque non son a persoa axeitada para meterme neses xardíns pois xa están outros que tirando de suposta erudición se atreven con estas cousas. Eu so  boto man do que a música me trasmite, emocións diferentes ás que  seguro senten outros pero tan válidas as unhas como as outras.
Son seareiro da música do barroco. Gozo con Vivaldi, Albinioni, Bach, Pachembel etc, así que non vou dicir nada do que as “Catro Estacións”“ me provocan emocionalmente e máis cando están interpretadas por músicos de demostrada solvencia  como os da “Camerata Nuestro Tiempo”. Si quero constatar a sorpresa agradable que supuxo para min escoitar as “Catro Estacións Porteñas” de Piazzolla cheas de auténtico aroma gaucho, anegadas do máis granado da música popular arxentina: o tango. O bandoneón  de Piazzolla elevou ao tango ás cumios máis altos e o seu talento musical colocouno no olimpo xunto aos compositores máis importantes do século XX.  Outra das súas paixóns foi o jazz e miren por onde o novo bandoneonista Matías González ofreceunos de propina unha peza de Charlie Parker, un dos grandes saxofonistas de jazz que no mundo houbo. Isto encheume de satisfacción porque tamén gozo coa música de jazz e vela representada aí, enriba do escenario, onde se estaba a amosar a música máis academicista, supón que o jazz ten oco neste contexto como a música clasica do século XX.  Que interpretes de música clásica inclúan jazz no seu repertorio abre novos horizontes. 
Foi unha edificante noite de música, unha maneira estupenda de izar o pano da nova tempada co teatro cheo ata a bandeira dun público que saiu encantado coa música estacional destes dous grandes compositores.
 

Vivaldi e Piazzolla

Te puede interesar