Recordando a Eva

|

Foi 15 de agosto. Unha data moi especial na miña vida. Neste día de 1960 coñecín a Eva a que logo sería a miña muller durante cincuenta e catro anos. Era asemade o día do seu santo.
Por iniciativa da miña filla Patricia e do seu home, fixemos unha xuntanza na súa casa de Seselle, unha fermosa e ben coidada finca na beiramar da ría de Ares. Alí nos xuntamos, fillas, irmás, cuñados e cuñadas, sobriñas e netas, co gallo de recordar a Eva.
O día esplendoroso invitaba ao baño na praia e alá fomos todos denantes de xantar. Eu soamente mollei os pes na auga que é o que me compre aos meus anos.
Xantamos ao aire libre nunha fermosa mesa de pedra perfectamente disposta, presidida dalgún xeito e en todo momento por Eva que estaba no pensamento e no corazón de todos nós. Despois duns entrantes regados con bos viños e refrescos para os máis novos, chegou o prato principal, unha monumental paella maxistralmente cociñada polo meu xenro Vicente. Na sobremesa, bolas de patrón, de Guitiriz e tortas variadas con café e copas a discreción. A continuación, como non podía ser doutro xeito, todos xuntos, entoamos algunhas das vellas e queridas cancións que tanto lle gustaban a Eva, as mesmas que ela soia acompañar coa súa guitarra:
—Samba de mi esperanza...../ Sapo de la noche...
—Al alba......./ Yo vendo unos ojos negros.....
—Yo se bien que estoy afuera .../     Adios con el corazón,....
Eu pola miña parte tratei de entoar un vello tango mil veces escoitado na miña  casa nun daqueles discos de 75 revolucións que reza máis ou menos así: “Patotero, rey del bailongo, patotero sentimental, escondes bajo tu recia voz las ganas de llorar...etc”
Vai xa para catro meses que Eva nos deixou. A todos nos costa moito traballo e dor afacernos á súa ausencia. Por iso gustoume recordala onte, en día tan sinalado, xunto co resto da familia.
Moito obrigado a miña filla e ao meu xenro pola súa invitación.
Xa de volta coa tarde esmorecendo viñéronseme á cabeza estes retrincos dunha antiga canción ferrolá moi axeitada para cantar despois dunha celebración como a nosa de onte.
“Levantados los manteles y apurando un vaso o dos...
Bajan las nieblas al valle y en melancólico son, entonando un vals alegre,     entraremos en Ferrol.”
¡Eva, onde queira que esteas, os teus nunca te esqueceremos! 

Recordando a Eva