Chegou a hora

|

A comezos do mes, na víspera do decisivo partido que o Racing tiña que xogar en Jaen, escribía que tiña o convencemento de que ía lograr o obxectivo de retornar a 2ªB. E os meus agoiros e desexos fixéronse realidade. Comentaba ademais, que todo me dicía que tamén o Deportivo ía conseguir o ascenso á máxima categoría. Nesa altura o conxunto coruñés aínda non se enfrontara ao Córdoba e, consecuentemente, non tiña asegurado o acceso aos play off. Daquela a hoxe gañoulle tanto ao Córdoba o partido final da liga como ao Málaga os dous partidos da primeira eliminatoria. Cando estas liñas vexan a luz xa se terá xogado o primeiro dos encontros da fase final contra o Mallorca, creo e agardo que cun resultado favorable para viaxar ás Baleares con garantías de volver a 1ª. Entretanto, matarei o bicho -que lle din os portugueses á fame- balompédico vendo en Abegondo algún partido do I Torneo Nacional Feminino LaLiga Promises -menores de 13 anos- que comeza esta mesma tarde na Cidade Deportiva de Abegondo. As rapazas que aliñará o Dépor Abanca son todas galegas e dúas delas proceden de equipos da nosa comarca: Aitana, do Perlío, e Olivia, do Narón-O Freixo.

Chegou a hora