Como millóns de persoas no mundo enteiro –de feito, vino fóra de España, rodeado de xente e sen ter ao lado español ningún–, o domingo desfrutei do partido entre o Real Madrid e o Barcelona. O máis habitual é que neste tipo de partidos que chaman clásicos non se vexan grandes cousas, xa que o fundamental adoita ser o resultado e non as excelencias do xogo. Tanto é así, que da inmensa maioría dos que teño visto -que son centos- non recordo absolutamente nada, algo que, penso, non me acontecerá co de hai uns días. Hai pouco, nas conversas dun xantar de amigos, saíu o tema do fútbol e, xa metidos en materia, a case inevitable elección do mellor xogador existente. A cousa acabou entre Messi e Maradona. Penso que as miñas dúbidas quedaron resoltas despois das 22.35 –hora española– do pasado domingo. Ollar ese golpeo da bola, coa intensidade e a precisión exactas para colocala milimetricamente no lugar desexado do interior da portería, que fixo Messi con toda a tensión do último segundo do partido enriba, dime que é o mellor.