O demo tamén é xente

Para a Galería Sargadelos, auténtico Ferrolán do Ano
A sociedade actual xa non fala do Demo como o facía antes; ese personaxe hoxe non forma parte das crenzas, costumes e lendas populares. Semella lóxico posto que o Maligno actualmente foi substituído e está mellor representado na nosa sociedade polos Catro Xinetes da ApocaCrise (políticos, sindicalistas, xuíces e banqueiros), temibles persoeiros que aparecen tódolos días nos medios de comunicación.
Nas miñas viaxes polo mundo tiven a ocasión de coñecer varios Monumentos dedicados ao Demo. Comezando por Madrid, sempre que viaxo á Capital do Reino visito unha das poucas estatuas levantadas no mundo na honra do Diaño.  
No parque do Buen Retiro érguese esta escultura, obra do ano 1878 de Ricardo Bellver, bautizado de xeito eufemístico como  “Monumento ao Anxo Caído”, pois como din os madrileños: “El Demonio, al fin y al cabo, es un Ángel venido a menos”.     
Seguindo no continente europeo, nunha data similar, o ano 1879, levantouse o monumento ao Demo que coroa unha fonte da praza Statuto da cidade italiana de Turín. Nesta ocasión trátase dunha alta pirámide de pedra que se remata por unha representación, tamén en bronce, dun xenio con alas que representa a Lucifer. 
No  continente americano visitei dúas coñecidas estatuas do Demo. A denominada “A caída de Lucifer”, pódese contemplar nun dos lugares máis frecuentados de New York, o Rockefeller Center. 
Os neoiorquinos na  vez de chamar a ese personaxe Lucifer (Portador de luz) prefiren utilizar o nome anterior a súa expulsión do Ceo, ou sexa Luzbel (Luz bella). Na cidade da Habana, dentro dos xardíns do Capitolio, atópase unha nova representación do Diaño, unha escultura coñecida co nome de “Monumento ao Anxo Rebelde”. Neste caso Lucifer amósase nunha actitude desafiante, elevando o seu brazo cara ás alturas.
No territorio galego case nunca aparecen  representados nin o Demo, nin tampouco o seu lugar de traballo, o Inferno. Pasei moitos anos fotografando centos de cruceiros e petos de ánimas da nosa terra, vindo con certa frecuencia o Purgatorio nos seus retablos e practicamente nunca o Inferno. O galego ten claro que sempre hai una segunda oportunidade, de aí que especialmente as súas crenzas inclúen o Purgatorio.
Como caso único en Galicia, no cruceiro con peto de ánimas da praza do Toural en Vilaboa, en pleno Camiño Portugués de Santiago, o canteiro representou ao Ceo, o Purgatorio, o Inferno e o Limbo. 
Na parte alta do cruceiro o Ceo (coa Virxe pregando na cruz), seguen o Purgatorio (retablo alto, onde aparecen varios cregos entre as lapas) e o Inferno (retablo baixo, onde pódese ver o Demo coroado como rei). Ao pé da plataforma atópase o Limbo dos Xustos, neste caso a terra baixo o pousadoiro do cruceiro, onde os pais enterraban aos infantes mortos sen bautizar, naqueles tempos nos que a Igrexa mandaba soterrar a estes anxiños a carón da parede exterior do cemiterio, ou sexa fóra da terra sagrada do recinto.
Fai anos, mentres fotografaba o devandito cruceiro do Toural, ao facer certo comentario irónico sobre a fealdade do Demo que aparecía coroado cun especie de horrible chapeu, recibín unha lección de antropoloxía, mesmo de educación, do meu acompañante. Ao ver que facía burla daquel  Diaño, díxome coa típica  e a habitual retranca galega: “Teña un respecto, que o Demo tamén é xente”.
Xa que logo o Concello de Ferrol, como sempre, se mostra torpe e desatinado na concesión do galardón de Ferrolán do Ano, polo menos coido que desta rolda podería instituír, como feito singular e distintivo da nosa urbe, o Día do Demo. 
A maiores, nunha cidade na que os exemplos de escultura urbana consisten ultimamente nun carapuchiño, un canalejitas ou un ensenadita, mesmo o Concello podería convocar un concurso entre os abundosos escultores das rotondas de Ferrolterra para levantar unha estatua que represente ao Demo.

O demo tamén é xente

Te puede interesar