A praza dos tilos

Eu vivo dende hai tempo, illado en Caranza, adoito ir a Ferrol en contadas ocasións, ao médico ou a algunha xestión necesaria. Entre outras razóns, o problema está no aparcamento e no trafico polas rúas do centro, case todas peonais hoxe en día. O pasado xoves 13, movido pola curiosidade e tamén pola necesidade de camiñar un pouco, decidín visitar as obras da antiga praza de Armas que foi outrora centro xeográfico e neurálxico da cidade. Deixei o coche, ¡que remedio!, nas Casas Baratas e dirixinme paseniño ata a praza. Baixei pola rúa Real, todo costa abaixo e volvín pola rúa da Igrexa, todo costa arriba.

Non quero pecar de pesimista pero o percorrido non puido ser máis desacougante, Ferrol está baixo mínimos, comercios pechados, pisos deshabitados, carteis de se aluga ou se vende e librerías a cal e canto, disque por melancolía. ¿Que se fixo do café Rubalcava que tantos seareiros tivo outrora?. Polas rúas, pouca xente con aspecto máis ben tristeiro.

Tampouco vou a criticar a obra da praza de Armas, xa veremos como queda cando rematen os traballos. O que si quero falar é dos tileiros (19), que aínda sen follas xa están ergueitos nos seus correspondentes alcorques, na súa situación definitiva. A súa floración completa chegará no mes de xuño en que estarán en todo o seu esplendor. Por riba da súa beleza hai que salientar a fragrancia que desprenden as súas follas e flores. Será na outonía, cando empezarán a caerlles as follas por tratarse de árbores caducifolios. Bo traballo van ter entón os operarios da limpeza con tanta folla no chan. ¿ Non fora mellor plantar árbores de folla perenne ?. A min persoalmente gústanme máis os acivros coas súas fermosas follas verdes e o seu froito vermello. Cando os 19 tilos ou tileiros, que en galego tanto ten, estean en plena floración, ¿non constituirán, coas súas altas copas, un empacho excesivo na praza quitándolle vista as vivendas adxacentes.

Adega, que é o acrónimo da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia xa manifestou a súa protesta por non elixir árbores autóctonas, que as temos a pé de obra, aforrando así uns cartiños, seica 60.000 euros, tan necesarios para outras obras. En calquera caso, despois da desfeita da praza de España, que non convence a ninguén, esperemos que a praza do Concello quede máis lucida e sirva para darlle un aire novo e un pouco de alegría a cidade, que boa falta lle fai.

Das flores e das follas dos tileiros faise a tila ou té de tilo, unha infusión sedante do sistema nervioso e outras propiedades como as de combater afeccións respiratorias, biliares e hepáticas. O mel de tilo úsase así mesmo como edulcorante.

O paxaro carpinteiro, tamén chamado peto, piquelo e pica pinos, fai o seu niño nos tilos. Que ledicia sería velos coas súas fermosas cores a peteirar cos seus fortes peteiros nos troncos das nosas flamantes árbores que, esquecía dicilo, viven ata preto de mil anos e medran por riba dos 30 metros.

A praza dos tilos

Te puede interesar