Feijóo vai de duro

Todo indica que no tema catalán Núñez Feijóo fai de can de presa do Goberno central, se cadra por que llo encomendaron no partido, como presidente dunha nacionalidade histórica, e pensa que pode tirar rédito político desta postura alén do Padornelo. Sempre se especulou coa súa ambición na política estatal. O obxectivo semella ser que actúe como o malo da película, mentres que Rajoy mide as palabras e ofrece diálogo a Mas, para afastalo do bloque soberanista. Iso si, sen ofrecer ningún cambio na cuestión de fundo: superar a descentralización na que quedou o Estado das Autonomías, mesmo para as “nacionalidades históricas”.
Esta última é unha definición que permite que cada un poda interpretar o de histórica segundo lle conveña. De feito, recoñece o carácter nacional de Cataluña, Euskadi e Galiza, e posteriormente de Andalucía e Valencia. O termo atinxe tanto ao territorio como aos que o habitan, non só á diversidade de pobos dun estado plurinacional, como por exemplo sería Bolivia.
Por iso sorprende que despois se negue a referencia a estas autonomías como nacións, cando unha nacionalidade coincidente e única nun territorio é iso, malia que careza dunha soberanía plena.
O presidente da Xunta teima tamén na reforma da Constitución para darlle a alcaldía á lista máis votada, aínda que a maioría da poboación estea en contra desa opción política. Non se respectaría a vontade dos electores, e a única intención é manter no poder os conservadores no maior número de concellos, dado que as enquisas lles son desfavorábeis.
Núñez Feijóo completa este apego ao poder, mudando as leis para colocalas por riba da vontade popular, apostando pola redución do número de deputados/as na Galiza, con argumentos de austeridade que non corresponde aplicar cando se trata de escoitar e respectar a vontade do pobo. Aínda máis, o lóxico sería aumentar o número de representantes ate o máximo (79-80), que Galiza fose circunscrición única e rebaixar a porcentaxe necesaria para acceder á cámara. Non se trata de reducir a pluralidade política senón de recoñecela, para enriquecer o debate e que todas e todos se vexan representados no Parlamento.

Feijóo vai de duro

Te puede interesar