O CENTRO DE DOCUMENTACIÓN DE PATRIMONIO. DE QUE ESTAMOS A FALAR?

|

O pasado 11 de Setembro entrou en función o Centro de Documentación do Patrimonio, dedicado á Cidade da Ilustración, nacendo co propósito de ofrecer un servizo de consultas aos investigadores de Ferrol. A pesares de que parecía un tema de interese para os ferroláns, coido que ata de agora semella ter unha nula demanda polo número de consultas recibidas.
O Centro de Documentación está instalado no terceiro andar do antigo edificio do Hospicio Municipal, restaurado na súa parte norte, que da á rúa do Sol, desde Novembro de 2012. Realmente trátase dun faiado, un lugar incómodo e pouco axeitado para o acceso á documentación polas persoas que se encargan do seu control. Ademais esta colocación de documentación histórica está en contra das normas de seguridade esixidas para a súa custodia.   
O resto dos case mil metros cadrados de superficie útil do edificio, o baixo, o primeiro e segundo andar, dispoñen de abundantes espazos libres, todos eles baleiros de uso. O baixo ten un amplo salón de actos para máis de cen persoas, o primeiro andar dispón de tres aulas destinadas a esa nova ocorrencia municipal dunha escola de hostalería, e o segundo piso ten un espazo diáfano concibido a modo de biblioteca, dotado dos oportunos estantes.         
A pesares de estar practicamente sen uso o edificio é curioso que neste intre foi nomeado un conserxe municipal para o mesmo. Pola contra, o polémico edificio municipal do Legado Carbajal, con catro asociacións culturais e veciñais malvivindo no seu interior desde fai bastante tempo, non ten un conserxe que houbera evitasdo moitos dos despropósitos ocorridos naquel edificio.       
En canto ao contido de documentación do CDP, controlada por dúas especialistas en Historia e Patrimonio vencelladas desde fai anos a esta tarefa, segundo información fornecida polo propio Centro, se dispón dunha base de datos duns 3.000 rexistros de planos e documentos procedentes duns vinte arquivos nacionais e estranxeiros como o Archivo Histórico Nacional, Museo Naval de Madrid, Centro Geográfico del Ejército ou Biblioteca Naval de Ferrol.
Unha primeira disfunción deste Centro é que tan só está prevista unha primeira fase de apertura ao público que remata á fins de Decembro deste ano, por certas razóns pouco entendibles e que alguén debería explicar. É de de todo punto incomprensible, que unha vez posto en marcha este servizo, teña tan curta duración sen un previo acordo municipal para asegurar a debida solución de continuidade. A segunda disfunción refírese ao responsable municipal deste Centro, segundo me din, a área denominada de Alcaldía. Non obstante, na longa lista das competencias desta área non vexo nada relativo ao Patrimonio Cultural. Algún día o Concello debería dar una cumprida explicación sobre este despropósito.
A terceira disfunción atinxe á entidade que xestiona o Centro. Coido que a Cofer xa ten traballo dabondo en temas económicos e empresariais nunha cidade necesitada dun serio labor neste eido, non semellando a entidade idónea para este cometido. Neste intre, desaparecida a Fundación Ferrol Metrópoli, a errabunda Exposición da Construcción Naval, con independencia dos atrancos funcionais ou de competencias, sería a entidade axeitada para iso, dispoñendo ademais das salas e espazos para amosar os avances no tema do Patrimonio Mundial, caso de avanzar algo nun tema abandonado por catro corporación municipais.  
Como mostra da ignorancia dos responsables municipais sobre a historia deste edificio, na súa fachada ten colocado un letreiro onde se pode ler “Antigo Hospicio/1800-1830”.
O Concello debería saber que esta obra se construíu arredor do ano 1790, destinada en principio a vivendas co nome de Mesón de Valentín, albergando realmente o Hospicio Municipal a partires do ano 1875, cando Concello mercou e arranxou o edificio.
Ata de agora na primeira rehabilitación do edificio gastáronse 1,3 millóns de Euros; despois de dous anos case sen uso vai a sufrir unha nova rehabilitación na zona e fachada que da á rúa María. Vexamos en que queda unha proposta que semella de discutible estética, engadindo cristaleiras, e alterando alturas e volumes da construción, cousas que moitas veces non lles deixan facer aos veciños de Ferrol nas súas vivendas, mesmo en casos máis xustificados que este. O Concello debería dar exemplo de respecto ao Patrimonio Cultural.
jjburgoa@hotmail.com

 

O CENTRO DE DOCUMENTACIÓN DE PATRIMONIO. DE QUE ESTAMOS A FALAR?