Galicia devastada

|

Só os tolos egoístas
intentan deshumanizarnos.
Vacinémonos contra a epidemia
do egoísmo canalla.


Hai unha ridícula e engañosa frase, alí onde as haxa, sexa calquera a entidade, medio ou persoa que a susbcriba: “Como no podía ser de otra manera”. Non podía, ou non debía? Dependendo sempre en cada caso da intención e dos intereses a onde pretendan levala e o que importe recoller dela.
Como non podía ser doutra maneira, Galicia arde polos catro costados. Claro que podía, debía e tiña que ser doutra maneira. Como non podía ser doutra maneira, Galicia apenas tivo incendios xa que dende a Xunta previamente puxeron medios dabondo e prepararon a tempo un plan eficaz, unha normativa Lei de reestructuración do territorio no que se esixe unha distancia máis que suficiente entre monte e urbanización.
Tamén sobre limpeza de montes, reducción do 50% na plantación de eucaliptos, control das paisaxes, fragas e parques, axuda para agricultores e gandeiros para que non teñan que deixaren as terras nas pautas das feras de dúas patas (peores que as de catro).
Tamén axuda á plantación de árbores autóctonas de bosque e froiteiras, á silvicultura en xeral e unha eficiente limpeza de montes e estructuración de camiños, cortalumes e estradas, así como a reorganización dos equipos de prevención contraincendios.
Como non podía ser doutra maneira –ridícula frase, repito– Galicia arde sobre queimado: Onte as Fragas do Eume e tantas máis, hoxe O Pindo (Sacro Monte, Olimpo dos Celtas), Ancares, A Fonsagrada, Carnota, a fervenza do Ézaro e moitas zonas de grande interese ecolóxico reserva da biosfera.
A quen non lle doe? A quen beneficia que arda? Que chapuceira política están a facer os señores Feijóo e Rajoy? … “Somos os máis mellores”. “Somos el ejemplo del mundo”, din. Dependendo en que e para que, xa que imos de mal a peor e de fracaso en fracaso.
Seis millóns de parados, sen chapas nos estaleiros, lévannos os nosos cartos e os nosos bancos, soben os impostos e os servizos públicos, merman salarios, pensións e axudas, infindas colas nos hospitais, mermas no ensino e na investigación, chove no Senado, orballa no Parlamento, xea nas Deputacións e neva nos Concellos; e o peor de todo é que, señores gobernantes, non se enteran.
Que pouca vergonza teñen aqueles que inventan engañosas frases: “Vivamos como galegos”, ”Galicia, terra de bo marisco” , “Galicia, un país fermoso é rico”. Como os que viven a corpo de rei, ou como os milleiros que están sin traballo e non entra un can nas súas casas. De bo marisco e tanto máis, pero ten quen ten, e quen o pode comer? Un país fermoso, sen dúbida, pero estámolo transformando nun deserto, e a riqueza está nas mans dos de sempre.
Como non pode ser doutra maneira os galegos temos que espertar, ou iremos á cola de Europa. Porque será que nos pillan durmindo? Estamos cun pé nun camiño de illós  é outro en camiños de pucharcas, lamacentos, polos que pretende levarnos o goberno, que tal din eles, están facendo unha política sorprendente. E sorprendente é, para favorecer a samesugas e vampiros do capitalismo.
Estes gobernos, central e autonómico, non se decatan dos males que nos azoutan que nos levan a un canellón de difícil saída, a unha rúa tenebrosa de “camiña se podes”. A un carreiro de desacougos, pedra diante doutra, e   para máis “inri” en Galicia arden e desaparecen por moitos anos gran parte do patrimonio forestal, ecolóxico, natural, turístico e económico. Arde a esencia e a vida da Nosa Terra.
Canta indiferencia e canta inxustiza. Ai!, se as paisaxes, as fragas e os montes de Galicia estiveran noutros países. Daranse conta estes políticos que debe prevalecer a defensa ambiental na ordenación territorial e urbanística (“Lei do Patrimonio Natural e da Biodiversidade)?
Daranse conta que dende que se deixou de cultivar, dada a mala estructuración socio política, o monte é arrasado ano tras ano? Daranse conta estes políticos soberbios e mentireiros que a política é algo máis que referencias e cifras que nada din? Tamén é dar a cara, baixar á rúa, achegarse ao pobo. A política, é compromiso.
De nada serve unha política que funciona baixo un marco desfasado, arcaico e fosilizado que non debera ter cabida neste século e que nos mete de cheo nun “estado de mal estar”. Daranse conta –falando do lume– que cando O Pindo arde, arde Galicia, España e Europa. Daranse conta, que acotío nos están deixando en evidencia ante o Mundo? Poida que non.

 

Galicia devastada