ESAS MÚSICAS

En 1974 Portugal estivo representado no festival de Eurovisión pola canción “E depois do adeus”. Música lixeira, unha balada na liña das que eran maioritarias neses festivais. Quedou en último lugar, mais pasou á historia non por ese feito senón por ser unha das cancións que os militares que organizaran o levantamento militar para acabar coa ditadura fascista do Estado Novo escolleron para emitir os seus sinais. A canción de Paulo de Carvalho, bastante popular e carente de sentido político ningún, soou pola radio finalizando o día 24 de abril. Hora e pouco despois, case recén comezado o día 25, soaría o ben coñecido “Grândola, vila morena” do xenial e inesquecible José Afonso, tema prohibido polo réxime por considerar que a letra facía apoloxía do comunismo. Os sinais emitidos funcionaron e a incruenta “revolução dos cravos” logrou os seus obxectivos primordiais: acabar coa ditadura e coas guerras coloniais. De que o resto do soño non se fixese realidade xa se encargaron os poderes reaccionarios. Velaí o Portugal de hoxe.

ESAS MÚSICAS

Te puede interesar