Un concurso e unha aposta

Co gallo das festas de Caranza 2015, celebrouse o sábado 22 de agosto un concurso de pesca de choco, xiba ou sepia, na ría. Logo as oito do serán houbo unha degustación, polo módico prezo de 6 euros a ración, amenizada pola orquestra Los Zares. Non sei cal era o regulamento, quero dicir se só estaba permitida a poteira normal de toda a vida, ou se se podían empregar eses peixes tan xeitosos oriúndos do Xapón. Os chocos tamén se poden pescar con patexo, anque non creo que fora este o caso, nin tampouco que empregaran esoutra técnica, tan enxebre, que chaman “a la jodienda”, para o que evidentemente fai falta unha femia, coa que loxicamente só se colleran machos, ou viceversa, un macho co que só se colleran femias. Se non é así teño que pensar moi mal dos chocos e... das chocas. Este concurso tráeme á miña memoria unha aposta que fixeron PP e PQ hai hoxe máis de sesenta anos. A pesares de que ámbolos dous están xa no alén emprego soamente as iniciais para non ferir posibles susceptibilidades. Naquel tempo había moitas luras na nosa ria que aínda non estaba tan contaminada, emporcada, coma hoxe. PP era un home moi alto e forte que tiña certa autoridade sobre os outros pescadores, a maioría traballadores da Bazán. Tiña asemade o mellor bote, o Tabeirón, que había entón na beiramar de Caranza. PQ mais ben pequeno e moi barulleiro, era o dono dunha tenda-bar na que se xuntaban os seareiros para tomar os vasos, para botar as cantadas e para larapetar. Un bo dia despois de varias medias xarras de “blanco-castilla” e cuncas de ribeiro a discreción, discutiron os nosos protagonistas por ver quen pescaba máis luras. A cousa quedou nunha aposta na que se xogaba por riba de todo a honra. As seis da mañá seguinte, ao romper do dia, xa estaban os dous litigantes en cadanseu bote, dispostos para gañar a aposta. Sobre as doce, a cousa remataba á unha, arrimou PP o seu Tabeirón ao bote de PQ e preguntoulle cantas tiña. Cando lle contestou que 32, foise arredando moi de vagar, e como quen non quere a cousa, abarloouse a outro que andaba tamén ás luras, e mandoulle envorcar no seu caldeiro todas as que levaba. Así, deste xeito, gañou PP a aposta por un amplo marxe. Penso que, a pesares das burlas que tivo que aturar, PQ nunca soubo que lle fixeran trampa. A sentenza que se tira desta historia certa é que desgraciadamente, moi a miúdo, son os pillos os que saen gañando, e non só na pesca senón tamén noutras facetas da vida moito máis transcendentes.

Un concurso e unha aposta

Te puede interesar