Pedro Calapez, na galería Vilaseco

Pedro Calapez ( Lisboa, 1953) ofrece na galería Vilaseco a mostra “O meandro dos caminhos”, título tomado do libro de Ives Bonnefoy “L’ arrière pays”, co que fai alusión a esa situación límite, a ese último territorio ao que nos levan as reviravoltas da vida; metáfora da inexcusable viaxe, a pintura é tamén un ir e vir, as veces orxiástico e outras máis acougado, polo chan  móvil das propias emocións. 

Exemplo do primeiro caso é ese mural “Redemoinho” de 60 casillas (algunhas baleiras ou en blanco) nos que a pasta foi liberada con paixón sobre o soporte, un tanto á maneira do dripping de Jackson Pollock, da arte matérica ou dos expresionistas abstractos, creando lavas escorregantes, correntes terrosas e relevos i espesuras que falan das indetibeis forzas da natureza; as cores vivas, mui contrastadas e de alto grao de saturación contribúen a esa sensación de forza pánica indetible. Nunha liña distinta está a serie que titula “Les nourritures terrestres”, título tomado da obra do escritor francés André Gide, nas que o espazo do cadro aparece compartimentado á maneira das leiras que os nosos campesiños trazan no agro, hai nestas obras  unha vontade de ordenación, un acaído sosego de planos case lisos, xa en vertical, xa en horizontal, que crean unha xeometrizada armonía e un diálogo , de matizadas cores, con alaranxados, marelos, azuis e verdes atemperados por varios matices de gris; a veces as luces cálidas, carmín ou bermello, aparecen solapadas baixo un manto de verdeazulados  ou xunto a chairas de cor ocre pardo. e que- segundo dí o crítico Jorge da Costa- mostran “elementos identitarios do mosaico paisagístico trasmontano” 

É evidente que Capapez nestas obras mide as temperaturas para que revelen estados de ánimo contemplativos e para regalarse na visión íntima da paisaxe, recollendo só os elementos da luz e non as formas; mais tamén está presente nalgúns dos cadros o axitado magma das ondas que pasan e a idea de pasadío ou de “nomadismo dionisíaco” do que fala Gide (por certo que nomadismo ven da palabra nomos, que significa pasto); son eses os alimentos terrestres que nutren a nosa alma ou, alomenos, a alma de Calapez que é fundamentalmente poética. 

A serie “Dentro e fora”, realizada con tintas acrílicas sobre cartóns superpostos, crea espazos nebulosos como si se tratase de leves e lixeiras auras en vaivén, unha expresión “..mutável e fluctuante, un trémolo cromático de tonos indistinguiveis”, como di Mariano Navarro no seu texto para o libro “O que nós vemos das coisas”, que recolle a obra de Calapez de 2008 a 2013. Receptáculos de emocións, as obras acaban sendo unha viva prosopopeia ou personificación, en clave cromática, do experimentado polo autor; por iso pode nomear dous pequenos cadros de tons azul noite co título de “A dor passou para os quadros”. O pintor viaxou polas paisaxes espiñentas e polos camiños dos outeiros,- como di no fermoso texto feito para a mostra-,porque “Quería un mundo diferente, que sabía que existía e que insistía en esconderme de min.”

Pedro Calapez, na galería Vilaseco

Te puede interesar