Verán

Hai quen se queixa dos bruscos cambios de temperatura deste verán noso, aínda que a min paréceme que non é peor nin mellor que os de sempre. Quizabes un pouco máis de calor nuns tres ou catro días, pero polo demais, ata agora tivemos de todo: chuvia, vento, néboa, sol...Ou sexa, para contentar a todos. Lémbrome dun conto que escoitei hai tempo, no que un forasteiro preguntáballe a un labrego, que estaba a traballar na súa leira, como era o clima na Galicia. Despois de pensalo un intre, o paisano díxolle que “non hai queixa”. “Xa, pero como é? Insistiu o forasteiro. “Pois verá, por aquí temos nove meses de inverno e tres de mal tempo”. “Home, non será para tanto!” “Pois non será para tanto”, dixo o paisano e seguiu coa súa laboura, mentres o forasteiro ollaba temeroso cara ao ceo, como se agardase ver caer de repente a chuvia. Se cadra, o noso paisano esaxeraba un pouco, aínda que ás veces, non sabe un que pensar. Eu, pola miña parte, non sei, non sei... E vostedes?

Verán

Te puede interesar