Santa Rita, Santa Rita...

|

O  que se dá non se quita”. Rajoy remata de manifestar –aí están as videotecas e hemerotecas para aquel que queira comprobalo– o seguinte: “El tiempo devolverá a los españoles lo que les hemos quitado” ( sic). E aí está unha vez máis o presidente cunha desas frases as que nos ten acostumados que ben pouco ou nada manifestan; porque imos ver: non dixo este goberno ou a próxima terna do PP que teña responsabilidades de goberno, non, dixo textualmente “el tiempo”, e o tempo coma é lóxico e natural non vai devolver nada, cousa que sabe ben o presidente e por iso dixo o que dixo coma se estivese falando diante dun auditorio infantil. As cousas que nos quitaron, arrebataron ou subtraeron –póñanlle vostedes o verbo que queiran– pode que comece a devolvelas outro goberno de distinta catadura, porque polo camiño que levamos, este non ten trazas.Porque están falando de devolver cando aínda nos seguen a quitar, recortando case ata límites obscenos prestacións as que os cidadáns tíñamos dereito coma Sanidade e Educación dous dos piares fundamentais nos que se sustenta ( sustentaba) o chamado estado de benestar. Todo  derrúbase baixo a piquete neocon que arremete con saña contra  aquilo que emita recendo a público, esa denominación maldita coa que pretenden acabar en beneficio desa outra que se chama “privado” que lles gusta moito máis.
Por se todo isto fose pouco, agora arremeten con esa lei coercitiva que chaman eufemisticamente de “seguridade cidadá”, unha lei que tan so persigue aumentar esa maioría silenciosa á que tanto fan alusión cando outra parte da sociedade se manifesta na rúa, unha maioría silenciosa que pensan que lles pertence. Nisto non cambiouse tanto malia pasar tanto tempo dende o túnel da ditadura. Recordo que hai moitos anos fixen unha adaptación dun tema de Adolfo Celdrán, “Fala Pobo” no que nunha das estrofas dicía: “Chamáronnos maioría, maioría silenciosa/maioría silenciada polos paus e polas porras/”. Pois ben, polos paus, polas porras e agora pretenden implantar ese silencio a traveso de sancións que non pasarán polo xuíz e cuxo recurso pode superar os 2.000 euros. Unha mordaza máis e unha volta de torca no dereito ca xente ten en manifestar a súa desconformidade. O feito de que a xente increpe e afee a conduta dun político entra no seu salario e non debería alarmar a ninguén. Á democracia non hai que defendela diante da cidadanía e si contra aqueles parasitos que se aproveitan dela para acadar espurios intereses. Diante da mediocridade dalgúns responsables da cousa pública o feito de votar convértese nun exercicio difícil para aqueles que se apliquen en reflexionar un pouco denantes de introducir o voto na furna, pero é unha verdade incuestionable que temos o goberno que eliximos por sufraxio e así débese aceptar coas recriminacións e críticas as que houbese lugar sen que haxa sancións gobernativas polo medio, porque iso é retrotraerse a outros tempos que críamos superados.
En fin, que temos a obriga de coidar con esmero este sistema no que vivimos porque malia os seus defectos é o mellor que temos e para iso non queda outra que afondar na reflexión á hora de elixir libremente aos nosos representantes e reclamarlles publicamente cando non cumpren co seu cometido, porque nisto, nin máis nin menos, consiste o exercicio democrático.

 

Santa Rita, Santa Rita...