¡DEUS!

Vello é o conto de aqueles nachiños, de non sei que vila da España máis fonda, que recibiran a visita duns predicadores de certo credo relixioso, diferente desde logo ao que se acostuma no noso país, e despacharon aos visitantes cun expeditivo: “Miren, señores, se non acreditamos no Deus que aquí se adora, que é o verdadeiro, ¿como diaños imos crer no seu?”. Co que os recén chegados liscaron coa seguridade de que estaban diante duns extraterrestres.

Pensaba nisto o outro día lembrando a certa alumna, un auténtico vincallo de rapaza, longueirona, alta como certos anseios adolescentes, que asistía ás miñas clases de Historia das Relixións. Materia alternativa á Relixión, asignatura que aínda existe como tal no currículo académico por máis que non compute na media do bacharelato con vistas á selectividade.

O cal que a moza, un día que viñeran a conto o ceo e máis o inferno como hipotéticos lugares de estadía eterna para segundo que comportamentos dos crentes (e o purgatorio a maneira de sitio de paso), achegouse a mín toda preocupada. Para decirme, chea de razón: “¿E logo os que non cremos en Deus onde imos parar despois de que morramos?”. Pregunta absolutamente xenial que me deixou descolocado. Porque dicirlle que a ningures tampouco era resposta para quen non se conformaba coa nada eterna. De maneira que lle dixen que fose á clase de Relixión. A ver se alí atopaba mellor solución ao seu problema.

¡DEUS!

Te puede interesar