Rivera e as reformas na Arxentina

ai pouco días Albert Rivera reuníase con Mauricio Macri, na residencia oficial do Presidente da Arxentina nos suburbios de Bos Aires. O líder de Ciudadanos destacou aos medios que compartía a opinión de Macri de que “a Arxentina podíase subir ao tren da globalización, se o intenta”, e que  era optimista a respecto das reformas económicas que están a realizar. Neste caso, como na súa sintonía coas medidas tomadas por Macron en Francia, Albert Rivera deixa en evidencia que aposta por duros axustes laborais e nas prestacións públicas, en beneficio do capital. Isto é o que está a suceder en Francia, cun forte rexeitamento da clase traballadora e os estudantes nas rúas.
Outro tanto pasa na Arxentina, dende hai máis de dous anos, e xa se aprecian os resultados prácticos do axuste. Os tarifazos sobre servizos esenciais alargaron a pobreza. Mentres que a caída dos ingresos fiscais, pola rebaixa das taxas ao comercio exterior e outros impostos ao capital, coa hipótese de que serían compensados coa entrada masiva de capital externo e o crecemento da economía, non se cumpriu. 
As consecuencias regresivas non se fixeron esperar, polo que se botou man da débeda pública, e agora intentase canear o efecto negativo cunha reforma laboral regresiva, que rebaixará os ingresos do factor traballo. 
Ademais, a recente caída do peso fronte ao dólar de 17 a 23 pesos é un novo golpe para as clases populares, xa que afecta o consumo. Estes son os exemplos do líder de Ciudadanos? 
Subirse ao tren da globalización, pode funcionar como frase feita, mais na práctica non é sinónimo de progreso, xa que hipoteca o futuro da maioría social. Especialmente, porque todos os países están subidos no tren da globalización, xa que é a tendencia hexemónica no mundo. 
Ademais, hai moi poucos estados que podan funcionar como locomotoras, e son estas as que marcan regras e a velocidade, e son escasos os colocados nos primeiros lugares. Pola contra, son maioría os que están a rente do furgón de cola. En resumo, non se pode ignorar que a globalización neoliberal  responde a un proceso acelerado da centralización e concentración da riqueza e do poder. 
Características estas que son consubstanciais co capitalismo. A aposta pola globalización, sen cambios sistémicos e nas relacións de poder, só pode xerar máis desigualdade, confrontación, perda de soberanía e dereitos democráticos, degradación dos ecosistemas, e a destrución de culturas e linguas. Tal como está sucedendo, e ate un novato dirixente político sabe.

Rivera e as reformas na Arxentina

Te puede interesar