Ruta do Camiño Inglés por Neda

Namentres devala a tarde
Escoita ó xentil Belelle
Dacabalo da Fervenza
Acariñando as montañas


Desculpen que comeze este artigo dando conta da perda dunha pequena navalla multiusos, que abofé dábame moito avío. Seino, pido desculpas, pois para eso está outra sección.
Coa navalliña made in Hong Kong nunha mesma peza ían outros aparellos, entre eles un compás magnético gravado coa chamada SOS Spain, dentro dunha saqueta cores azul e branca feita en Galiza. Tamén na mesma saqueta unha botella de auga da fonte do Sartego.
O extravío foi entre Curuxeiras e Rego da Moa, onde me decatei ao querer pelar unha mazá que pillei prestada na horta de Couto.
Agradecerei a devolución, á parte de cun sorriso dentes acabados de pasar polas mans da miña odontóloga preferida, cun cesto de béveras de malva e un par de consellos para facer o camiño con humor, amor e ganas de volver, anque sexa ó revés, é dicir, Compostela-Ferrol por Neda.
Creando ambiente comezo o camiño imaxinando castelos, torres medievais e fantasmas arrastrando cadeas e reflexionando no grave problema que vivimos os españois. Recuamos –e así non se avanza en ningún camiño– cara a unha sociedade na que, por arte de máxia, unha minoría é cada vez máis rica e unha gran maioría máis pobre.
Mentres os nosos gobernantes bla, bla, bla. Auga de lavar. “Que bien te sienta el bronceado”. “Estas divina de la muerte!!”. Incluso falan do sexo dos anxos para xustificaren suores, bágoas e rabexas: sueldos, dietas, e infinidade de privilexios que defenden con unllas e dentes, como gatos xaneiros. Fede dende moitos escanos.
Prosigo o Camiño Inglés (que non se enteren os ingleses senón logo escrituran). Chegando a Neda, mociña leda / cunca de prata / beleza innata / verxel de ouro / sen par tesouro / pano de seda. Saúdo a varios veciños que preocupados fálanme do “cambio de look” da Torre do Reloxo.
A torre construida no ano 1786 está acaroada a nobre edificio no que hoxe funciona o concello. Xa dende moito antes ó pé da torre, estivo o Hospital de Peregrinos e a capela do Espíritu Santo, comezos do s. XVI. Parte da fachada consérvase en aceptables condicións.
Con decaemento á vista, a torre tal noiva de mala gana ao casorio desloce vestido que non lle senta ben, sendo como é de Interese Cultural.
A torre está triste. Que terá a torre? Será polo cambio de imaxe de antiga vestimenta de pedra natural que lle sentaba divina, por outro de revestimento artificial que, á vista está, en nada a favorece por moi modernistas que intentemos ser.
O agachar a pedra cara á vista con cubrimentos de area, cal, cemento e outros materiais agresivos foi moda (aquela cultura) nas décadas ´50-´60 do pasado século. Nos edificios das rúas Real e Castro, anque hoxe estanse a recuperar, quedan as sinais das desfeitas.
Salvo casos especiais nos que as paredes sexan de lascas deterioradas, e por moito que a Dirección Xeral de Patrimonio dea o visto e prace, ó tratarse dun edificio histórico debéramos andar con moito tino e xuicio de acción.
A Torre do Reloxo e o resto do nobre edificio son o único símbolo de patrimonio histórico público que temos en Neda. Aquel que daba e seguirá dando a benvida a peregrinos e visitantes en xeral a este fermoso e acolledor pobo.
Anque, dende agora con mágoa no seu sensible corazón, para min que por mor desa desafortunada reforma. Desafortunada como outras que en anteriores gobernos se fixeron, e no me doen prendas.
Neda, a da Torre do Reloxo, / a das gamelas ó pairo / dende O Puntal ata Xubia. / a Neda antiga dos foros, / a que loitou con braveza no campo da Toeleira. / A que rachou as cadeas na baía de Algeciras…
Sigo andando e matinando. Só en España máis de  2,5 millóns de nenos están baixo o limiar da pobreza. Anque creo, a pobreza en moitas casas chega xa ó patio traseiro.
En Betanzos atopo cun grupo xaponés. A señorita Tai fala castelán e chapurrea o galego. Acompáñoos pola capital do Antigo Reino antes Brigantium Flabium. Fotos na iglesia de Santiago e polbo e viño da terra nunha taberna da praza Irmáns García. Encántalles Betanzos dos Cabaleiros. Adeus. Teñan boa viaxe.
Chego a Compostela despois de varias xornadas. Subo ó Monte do Gozo e gozo tan marabillosa paisaxe. Miro a Torre da Berenguela e lémbrome da do Reloxo de Neda.
A pesar de tódolos pesares, vémonos na Festa do Pan e da Patrona. Por certo, as béveras xa teñen a cor do viño tinto e están para chuchar os dedos.

 

Ruta do Camiño Inglés por Neda

Te puede interesar