NÓS NON SOMOS ASÍ

Os seres galaicos son de natureza pobre, tanto de espírito como de ideas. Os séculos de escuridade fixeron deles seres inertes e suxeitos aos devalos do mar e da lúa, como determinismo natural. Aínda así temos un punto de xenialidade, de iniciativa, de ruptura de normas que fai que agrome a fantasía, a creatividade, algo que nos diferencia dos demais, pero que nos mantén no mal atávico de querer sermos igual, ou malos imitadores, dos usos e costumes do madriñelismo máis castizo.

O tal empresario Dorribo é un exemplo do mal gusto e de pretender ser o que non se é e ademais de non ter substrato de elegancia, un concepto este co cal se nace ou se depura co tempo. Este elemento é o fiel exemplo do novo rico, que pasou de repartir cartas a lanzarse ao mundo empresarial con unha boa idea, pero con malos fins e peores resultados. Polo menos hai que admirar que no lle dese por poñer un bar e vender claretes.

O novo rico destaca por dúas cousas: o complexo dos zapatos e o dos coches. Todos destacan por comprar máis que pares de Martinelli, xuntar tríos de calzado, e facerse con coches de alta alga, principalmente mercedes, aínda que os máis recentes na riqueza danlle ao BMW, pero o Dorribo xa é un caso de pscicopatoloxía polo mundo das catro rodas: ferraris, maseratis e automóbiles de colección. Unha ollada ás fotografías do seu chabolo son un insulto ao bo gusto, que deixa o Miró de Roca no retrete nunha alarde de glamour de revista dominical para antigos hipotecados que máis que comprar unha casa para vivir, pedían os cartos para comprar un monovolume: barco jrande, ande ou non ande.

Moitos galegos marcharon para a Guinea Ecuatorial a desbrozar, talar e queimar a selva do país africano e cargar barcos con toneladas de madeira exótica, que desembarcaban no cais de Curuxeiras, destinada a botar os pisos das casas galaicas. Algúns daqueles empresarios do bosque tropical traían consigo uns dentes de elefante, unhas máscaras da etnia Fang ou unha negra de servente. Pero isto pasaba hai moitos anos, antes de que Fraga lles dese a independencia. Porén o tal Dorribo parece que vivía noutro mundo, que iso do ecoloxismo e da conciencia polo mundo non lle ía moito, talvez por vender medicamentos de dubidosa calidade ao que el consideraba terceiro mundo, que con unha caixa de xenéricos xa lle daba dereito a traer unha pel de crocodilo.

Nós non somos así, coñezo a moitos empresarios, con máis diñeiro do que facturaba Dorribo e viven na normalidade, algúns até só teñen un coche, outros non posúen piscina e a maioría non se viste con zapatos castellanos, pantalóns vaqueiros azuis, camisa branca e pelo engominado para atrás e nin sequera van a Madrid a facer ostentación.

Crean empresas aquí, invisten en investigación, dan bos soldos aos empregados, porque gastarán a nómina na terra, é dicir, crean riqueza na súa terra, pero lamentablemente son os menos. Os primeiros ricos especuladores da construción compraban un chalé con piscina, un iate e un todoterreo para raialo nas columnas dos aparcadoiros subterráneos. As escolas de negocios deberían dar unha materia de boas formas para evitar a chulería e o mal gusto, aínda que sexa para no ir en chándal a declarar ao xulgado.

 

NÓS NON SOMOS ASÍ

Te puede interesar