CANCIÓNS DE NADAL

Esta é a época do ano na que se pode dicir que a música adquire unha dimensión específica e unha etiqueta particular. Cando se aproximan estas datas, comezan a escoitarse cancións que non aparecen noutros períodos do ano, anunciando que estamos no Nadal, nunha festividade chea de sensacións que, aos que xa superamos o ecuador da vida, trasládanos a lembranzas que teñen que ver con xuntanzas familiares, con xantares extraordinarios e coa chegadas dos Reis Magos que os rapaciños esperabamos cunha desmedida ansiedade. Ocupando este tempo, dende mediados de decembro ata despois de reis, aparecían na radio os “villancicos” , cancións que cantabamos case sempre en grupo e nalgunha ocasión os nenos e nenas xuntabámonos e percorriamos algunhas casas dándolle á zambomba  na busca dun aguinaldo que de cando en vez caía.
Din os que nisto pescudan que os “villancicos” son característicos de España, Latinoamérica e Portugal e que tradicionalmente eran cancións incardinadas no acerbo popular  que comezan a cantarse aló pola metade do século XV chamándose así porque era unha música de “villanos”, de xente que vivía fundamentalmente no medio rural e que usaban como elementos básicos de acompañamento a viola e máis tarde a guitarra. Cancións sinxelas e xa que logo con fáciles e dixeribles harmonías.
Dende o mundo anglosaxón aparecen composicións que teñen que ver tamén co Nadal, pero que non poden ser catalogadas coma “villancicos”: son cancións máis elaboradas que pouco a pouco van gañando terreo e expandíndose polo mundo, diante das cales os “villancicos” deféndense como poden.
Para un ouvido con certa sensibilidade non hai color entre “Los peces en el río” e “Adeste Fidelis” ou por exemplo “Hacia Belén va una burra” con “Silent Night”. Son cousas distintas para público distinto: as primeiras mais ben para nenos  e mentalidades similares e as outras para un colectivo máis amplo e esixente. Unhas son “villancicos” e as outras “cancións inspiradas no Nadal” que, aínda que se semellen, non son o mesmo.
Moitos intérpretes, nalgún momento, flirtearon con estas cancións. A nómina é francamente numerosa. Estes días andei a darlle un repaso a este estilo musical e atopei a cantantes que non se resistiron a deixar a súa pegada nel.  Bing Crosby, Frank Sinatra, Barbra Streisand, Elvis Presley,  Bob Dylan,  Nat King Cole, Mahalia Jacson,  Lou Reed,  Carola, Diana Kroll e un longo etc. teñen LPs dedicados a cancións do Nadal.
Ata eu mesmo que sen pretender, lonxe de min esta desasisada idea, incluírme neste distinguido club, gravei un LP titulado “Nadal” con versións dos temas universais máis representativos cantados en galego; un traballo do que quedei moi satisfeito porque tiven a oportunidade de gravar cunha orquestra de corenta músicos, cousa que hoxe sería impensable polo elevado presuposto dun traballo así. Nesa gravación incluín un tema xenuinamente galego: “Vinde Picariños”,  cuxa partitura podería entrar por dereito propio nesa nómina de cancións do Nadal universal.
Estamos na data, e non resistín a tentación de mencionar algo alusivo á mesma: A música que a enmarca. Con ela quero desexarlles todo o mellor para os tempos que se aveciñan, aínda que tal e como nolo poñen os “poderosos cabaleiros” a cousa preséntase coma unha ardua tarefa. Xa veremos.

CANCIÓNS DE NADAL

Te puede interesar